Roda, A
Grupo musical galego que se creou en Vigo en 1976. En 1977 gravaron o seu primeiro disco, A Roda, en que incluíron temas populares da canción galega como “Pousa-Pousa”, “Miudiño” e “O gato”, e polo que recibiron o Premio da Crítica Galega (1978). Posteriormente, levaron as súas actuacións a diversas vilas de Galicia, así como a centros galegos de Venezuela, México, Arxentina ou Panamá. Durante ese tempo editaron novos discos como Falemos galego, en que se incluíu a “Foliada do Celta”, ou Pra os amigos. Ata 1990 non volveron sacar un novo traballo, Os mariñeiros, e ao que seguiron outros, dos que destacan Eu teño un compadre (1992), A Roda rodando (1993), Os quintos (1995), Na branca noite (1996) e Onde Galicia é Portugal (1999). Recibiron a Vieira de Prata á Calidade Artística, concedida pola Enxebre Orde da Vieira en 1995.