Revolución Chinesa

Revolución Chinesa

Proceso de transformación socialista de China. Rematada a Segunda Guerra Mundial, as forzas do Guomindang dirixidas por Chiang Kai-shek retrocederon ante a contraofensiva dos comunistas e o 1 de outubro de 1949 Mao Zedong, máximo dirixente dos comunistas, proclamou en Pequín a República Popular China. A vitoria militar iniciou unha primeira fase revolucionaria marcada por catro feitos: a primeira reforma agraria (1947 e 1950), a reforma do idioma, a lei de casamentos (1950) e a Guerra de Corea (1950-1953). En 1953 púxose en funcionamento o primeiro plan quinquenal (1953-1957), baseado na nova reforma agraria (1955), levada a cabo mediante cooperativas e granxas estatais segundo o modelo soviético. As relacións coa URSS empeoraron por causa das diferenzas estruturais entre ambas as dúas revolucións. O segundo plan quinquenal (1958-1963) radicalizou a reforma agraria, creando comunas populares, insistindo na industrialización pesada e nas obras de interese colectivo. O plan fallou, e foi preciso revisar os obxectivos e as prioridades. O inicio da Revolución Cultural, significou o afastamento do poder do sector economicista. Na primavera de 1966 os sectores moderados comezaron a ser desprazados polos maoístas e o IX Congreso do Partido Comunista Chinés (PCCh) nomeou a Lin Biao herdeiro de Mao Zedong. Pero Lin Biao desapareceu nun accidente aéreo en 1971, sendo substituído por Zhou Enlai, que impuxo unha política de recuperación económica e de aproximación a os EE UU. O X Congreso do PCCh en 1973 equilibrou os cargos entre a corrente procedente da Revolución Cultural e a economicista, pero despois da morte de Zhou Enlai (xaneiro de 1976) e de Mao (setembro de 1976), a corrente economicista decantou a revolución cara á industrialización e modernización do país. O proceso á Banda dos Catro (1976-1981) representou o fin da Revolución Cultural e o inicio da desmaoización de China.