Revolución de Setembro de 1868
Movemento revolucionario español que supuxo o destronamento de Isabel II e o inicio do Sexenio Revolucionario. Coñecido popularmente como A Gloriosa, abriu un período de liberdades democráticas durante o que irromperon na vida política, plenamente conformados e con programas propios, o movemento obreiro e a pequena burguesía (1868-1874). A inadecuación do réxime político isabelino ás necesidades do proceso industrializador fixo que a burguesía industrial e financeira adoptase unha actitude contraria a este. En agosto de 1866 o Partido Demócrata e o Partido Progresista formalizaron un pacto, abocados á vía insurreccional pola súa exclusión do goberno de forma sistemática. Ao pacto uniuse máis tarde a Unión Liberal. As clases populares afectadas pola crise de subsistencias de 1867, apoiaron a insurrección, que se iniciou o 18 de setembro en Cádiz cando Joan Prim e Juan Bautista Topete sublevaron a escuadra. Desde Sevilla as tropas de Francisco Serrano avanzaron cara a Madrid e nas proximidades de Córdoba, na ponte de Alcolea, derrotaron as forzas fieis á raíña, que se exiliou en Francia (30 de setembro). Pouco despois constituíuse un goberno provisorio, dirixido por Prim e Serrano. Tras o levantamento dos federais en outono de 1869 instaurouse unha monarquía democrática na persoa de Amadeo de Savoia, que contou co apoio de Prim.