Revolución Industrial
Proceso de industrialización co conxunto de transformación económicas e sociais que comporta. O termo designou os cambios que introducira a industrialización na sociedade inglesa, que comezou na segunda metade do s XVIII, e desde onde se difundiu a outros estados europeos, ata as primeiras décadas do s XIX. Supuxo o cambio dunha sociedade rural a unha urbana e do traballo manual e doméstico ao emprego de máquinas e as fábricas. Baseouse en diversos factores. O crecemento demográfico produciuse grazas ao descenso da mortalidade, que provocou un rexuvenecemento na poboación. As innovacións da agricultura co emprego de máquinas e, entre outras, de técnicas da rotación de cultivos, produciron un aumento da produción que permitiu, por unha banda, o aumento demográfico e, por outra, que un excedente de poboación que non atopaba traballo no campo se transferise á industria. Empregáronse novas fontes de enerxía e materias primas. Inglaterra contaba con abundancia de algodón, ferro e carbón. Na industria algodoeira ensairáonse as primeiras innovacións técnicas co emprego do vapor como fonte de enerxía e coa creación de máquinas fiadoras e tecedoras. A escaseza de madeira e a abundancia de carbón permitiron que este fose utilizado como fonte de enerxía. Co emprego do ferro e das diversas técnicas de obtención de aceiro desenvolveuse a industria siderúrxica. O sector dos transportes tamén viviu unha revolución. Construíronse as primeiras máquinas de vapor que se aplicaron primeiro ao ferrocarril e despois á navegación. A todo isto tamén contribuíu a existencia en Inglaterra dun réxime político estable e do imperio colonial. No continente a Revolución Industrial adquiriu características diferentes. En Francia o factor que contribuíu ao desenvolvemento económico foi o ferrocarril pois á escaseza de recursos naturais uniuse a convulsión política de todo o s XIX. En Alemaña e no Imperio Austríaco conviviron rexións plenamente industriais coas agrícolas. En España, que continuou sendo un país agrario, as primeiras manifestacións da Revolución Industrial foron máis tardías. Os primeiros altos fornos creáronse en Marbella en 1833 pero a ausencia de carbón provocou que a industria siderúrxica se trasladase ao norte, a Gipuzkoa e Asturias. En Catalunya desenvolveuse a industria téxtil. Polo que respecta aos transportes, a primeira liña de ferrocarril inaugurouse en 1848 (Barcelona-Mataró). Socialmente a Revolución Industrial supuxo o abandono do modelo da sociedade do Antigo Réxime, dividida en estamentos en base ao nacemento, pola sociedade de clases, dividida en grupos baseados na riqueza. Con ela xurdiron tamén os problemas dos grupos máis desfavorecidos que tiñan salarios baixos, xornadas de traballo excesivas e malas condicións de vida e traballo e que provocou o desenvolvemento do movemento obreiro. Por Segunda Revolución Industrial enténdese o período que vai de 1880 ata o final da Segunda Guerra Mundial, como continuación do desenvolvemento tecnolóxico iniciado na Revolución Industrial, e que supuxo o desenvolvemento do capitalismo. Ás veces emprégase o termo Terceira Revolución Industrial para referirse aos cambios e avances, tecnolóxicos, científicos e económico-financeiros, producidos desde 1945.