Sáhara

Sáhara

Deserto de África setentrional, o máis grande do mundo, cunha extensión de 10.000.000 km2. Limita ao NO co Atlas e chega ata o Mediterráneo polo lado de Libia e Exipto. A zona bioclimática sahariana constitúe o límite meridional. Polo O chega ata o Océano Atlántico, e polo L ata o Mar Vermello, aínda que o deserto de Arabia é unha prolongación pola costa asiática. Comprende territorios de Mauritania, Marrocos, Alxeria, Tunisia, Libia, Exipto, Sudán, Chad, Mali e Níxer. Está formado por un zócolo precambriano recuberto en certos puntos por sedimentos paleozoicos, mesozoicos e terciarios de estrutura case horizontal, depositados en certas partes cóncavas do zócolo. Os macizos máis altos son os de Ahaggar, con 2.918 m no monte Tahat, e o Tibesti, o máis elevado de todos con 3.415 m de altitude no monte Emi Koussi. Ademais, o deserto comprende unha serie de relevos característicos como ergs, regs, hamadas ou dunas. As súas características climáticas son unha grande aridez, aire moi seco, chuvias mínimas e moi irregulares, temperaturas elevadas, unha forte oscilación térmica diurna (noites frescas) e frecuencia de ventos. Presenta pésimas condicións para a vida animal e vexetal. O camelo é o animal característico e a vexetación é case inexistente e adaptada a unhas condicións moi pouco favorables. A excepción son os oasis e o val do Nilo. O poboamento humano é moi pouco denso e nómade, excepto nos aosis. O Sáhara forma un tipo de separación, aínda que relativa, entre a África mediterránea e musulmá, ao N, e a África negra, ao S. Estudos arqueolóxicos e traballos sobre as pinturas en diversas covas demostran a existencia de poboamento prehistórico antes da desecación da zona. Coñécense poucos datos da primitiva poboación, de raza negra moi probablemente anterior aos bérberes, no S, e aos árabes que colonizaron o territorio oriental e central. Os principais pobos do Sáhara, maioritariamente nómades, son diversos grupos bérberes como os tuareg e os sanhaja (mouros), no centro e na parte occidental, e os tebus (negroides), no oriente, ademais de diversos illotes de características peculiares, como a poboación de Mzab. A partir do s VII iniciouse a penetración dos árabes, instalados en Nubia, Tripolitania, Cirenaica e na rexión de Magreb, a través da rexión de Fezzān. A colonización europea, excepto na costa atlántica (Sáhara Occidental), non se iniciou ata fins do s XIX. Despois da Segunda Guerra Mundial tivo lugar a independencia dos estados que o integran: Libia (1952), Marrocos e Tunisia (1956), Mauritania, Níxer, Mali e Chad (1960) e Alxeria (1962), e queda aínda aberto o futuro da República Árabe Saharauí Democrática.