Samos, San Xián de
Mosteiro beneditino situado en Samos. A orixe da vida monacal remóntase a época sueva pois o primeiro nome do que se ten constancia é o de Sámanos, que fai referencia a un lugar habitado por unha comunidade relixiosa. Fundado en tempos de san Martiño de Dumio, o bispo de Lugo Ermefredo restaurouno no s VII seguindo a norma de san Froitoso. O cenobio foi abandonado coa chegada dos musulmáns a comezos do s VIII e a vida relixiosa restaurouse en tempos do Rei Froila I (757-768). O mosteiro seguiu nestes primeiros tempos as regras de san Isidoro e de san Froitoso ata que no s XII se adoptou a de san Bieito. En 1175 o Papa Alexandre III concedeu unha bula pola que se lle outorgou aos monxes os dereitos xurisdicionais sobre 105 igrexas dos arredores e do Bierzo. Tras a reforma monacal dos Reis Católicos, en 1505 incorporouse á Congregación de San Benito el Real de Valladolid. O s XVII foi unha época de puxanza económica que se reflectiu na intensa actividade construtiva, situación que continuou no s XVIII. Ademais o mosteiro contaba cunha importante biblioteca e arquivo. Durante o Trienio Liberal (1820-1823), o mosteiro foi exclaustrado, aínda que volveu a mans dos monxes ata 1835. Entre 1848 e 1862 entregouse ao concello de Samos, para que o conservase e o empregase en servizos públicos e en 1862 cedeuse ao bispado de Lugo ata que en 1880 se restaurou a vida monástica. A igrexa monacal (1733-1748) é obra do monxe Xoán Vázquez, agás a fachada. Ten tres naves, a central de maior altura e anchura ca as laterais, e cruceiro. A nave central está cuberta por unha bóveda casetonada. As naves laterais sepáranse da central por piares grosos e comunícanse con grandes arcos. Cúbrense con bóveda de aresta. O cruceiro cúbrese cunha cúpula lobulada con casetóns erixida sobre pendentes. Os retablos son obra de Francisco de Moure e Xosé Ferreiro. A fachada é barroca e está formada por un gran corpo rectangular dividido en dous corpos e tres rúas. O máis significativo é a ausencia do frontón ou ático e do terceiro corpo das torres polo que ten un aspecto de robustez. Está precedida por unha escaleira que recorda á da fachada do Obradoiro da catedral compostelá. Na rúa central atópase, no corpo baixo, a porta enmarcada por dous pares de columnas aparelladas dóricas erixida sobre altos pedestais; sobre a porta atópase unha fornela coa imaxe de san Bieito, rematada con volutas e frontón semicircular. No corpo superior, presenta un óculo enmarcado por dous pares de columnas e dúas fornelas coas imaxes dos patróns do mosteiro, san Xián e santa Basilisa. As rúas laterais avanzan con respecto á central e teñen no corpo inferior dous vans. Sobre a cornixa que separa os dous corpos atópase unha balaustrada. No corpo superior atópanse as torres das campás, en retroceso con respecto ao corpo inferior. A fachada remata nun entaboamento decorado con diversos motivos. A sancristía é de planta octogonal no interior e cadrada ao exterior, e cúbrese cunha cúpula semiesférica lobulada con casetóns, erixida sobre un tambor. Está precedida por un recinto cuberto cunha bóveda estrelada. O claustro máis antigo é o das Nereidas, construído en estilo gótico tardío polo mestre Pedro Rodríguez. De planta cadrada, conserva nun dos seus ángulos unha portada románica, que ten dous arcos de medio punto apoiados en dous pares de columnas acobadeladas e tímpano cunha cruz entrelazada inscrita nun círculo. O corpo inferior está cuberto por unha bóveda de cruzaría estrelada. Sobre este corpo construíronse dous máis no s XVIII en estilo clasicista. No centro do patio atópase a fonte das Nereidas. O claustro de Feijoo é dos ss XVI-XVII e realizouse en estilo renacentista. Ten forma cadrada e tres plantas, as dúas primeiras divididas por pilastras dóricas con entaboamento partido no primeiro piso e ábrense arcos de medio punto, no segundo ventás rectangulares e, sobre unha cornixa, atópase o terceiro piso arquitrabado. O patio está presidido pola estatua do padre Bieito Feijoo. O refectorio é de planta rectangular e cúbrese cunha bóveda renacentistas. A cociña ten bóveda de aresta reforzada con arcos de medio punto, apoiados en grandes repisas. Preto do mosteiro atópase a capela do Ciprés ou do Salvador. O conxunto foi declarado BIC en 1944.