Santo Sepulcro, orde do
Orde militar fundada por Godofredo de Bouillón tras a conquista de Xerusalén na Primeira Cruzada, o 15 de xullo de 1099, coa misión específica da custodia do Santo Sepulcro e de atender o servizo relixioso da súa igrexa. Esta dicotomía de funcións deu lugar a dúas ramas ben definidas dentro da orde: ao dos Cóengos agrupados nun Cabido de Cóengos Seculares, e a dos Cabaleiros, dedicados preferentemente a tarefas militares, que xustificaban o cualificativo de orde militar, agora convertidos en orde de cabalaría aristocrática co nome de Orde de Cabalaría do Santo Sepulcro de Xerusalén. Coa toma de Xerusalén polos turcos, os Cabaleiros trasladáronse a Europa estendéndose por Polonia, Francia, Alemaña e Flandes. En 1480, o Papa Inocencio VII incorporouna á orde de Xerusalén e en 1904 o Papa Pío X reservouse o Gran Mestrado. Antigamente existían tres clases de cabaleiros: de Honra e Devoción, de Xustiza e de Graza Maxistal, nomeados polo Gran Mestre a título honorífico. Modernamente, divídense en tres graos: Cabaleiros, Comendadores e Grandes Cruces. Como distintivo utilizaban a cruz potenzada vermella no manto e a cruz patriarcal de dobre travesa sobre o peito. No Reino de Aragón, o Rei Afonso I o Batallador tomou o hábito da orde e instituíuna herdeira do seu reino e dominios, xunto coa do Hospital e do Temple, no seu testamento en 1134. Porén, os seus mestres declinaron a soberanía e cederon os seus dereitos ao conde de Barcelona Ramón Berenguer IV. En Castela e León introduciuna Alfonso VII (1126-1157).