Santos Suárez, Xesús

Santos Suárez, Xesús

  (Asados, Rianxo 28.9.1936) Mestre e poeta. Pertencente á Xeración dos 50, colaborou en La Noche con diferentes composicións poéticas que, posteriormente, incluíu nalgún dos seus libros. Participou en diversas iniciativas culturais, como o Ateneo do Ullán, o Pedrón de Ouro, o Patronato Rosalía de Castro ou o Cadro Artístico Airiños de Asados, onde desenvolveu o seu labor como actor en diversas obras, como A venganza (1959) e Mal ollo (1985). Ademais, formou parte do parladoiro do Café español e colaborou en diversos programas televisivos. Das súas obras destacan Balada do vento na ría (1987), en que recolle parte da súa produción poética; a obra teatral A fraga (des)animada (1993), de carácter ecoloxista; Biografía de Arcos Moldes: Rianxo, apuntes dunha vila mariñeira (1994), Os amigos de Martiño (1999), en forma de obra teatral dirixida aos máis pequenos; e Un ronsel de estrelas: teatro e correspondencia inédita: homenaxe a Manuel Antonio I Centenario (2000).