sardiña
(< lat sardīna)
Peixe osteíctio, da orde dos clupeiformes, que pode alcanzar os 29 cm de lonxitude. Presenta corpo alongado, lixeiramente comprimido polos laterais. A mandíbula superior é pouco ou nada escotada e os maxilares non se estenden máis alá da parte media do ollo, co inferior algo máis saínte ca o superior. Os ollos presentan pálpebras adiposas ben desenvolvidas. Os dentes son moi pequenos nos maxilares e nulos no vómer. A aleta dorsal orixínase máis preto do fociño ca da base da aleta caudal. As aletas pelvianas insírense en posición abdominal, no medio da zona ventral e baixo a zona dorsal. Todos os raios son brandos. O opérculo ten estrías radiais regulares. Presenta de 26 a 30 series de escamas visibles na liña lonxitudinal, na liña ventral son carenadas, con 19-20 antes da raíz das aletas pelvianas e 15-16 posteriores. As escamas do corpo son relativamente grandes, caedizas e sen espiñas visibles. Presenta espiñas na parte interna das branquias, que son prolongacións para reter os pequenos organismos dos que se alimenta. É de cor azulada ou verdosa no dorso cos flancos percorridos por unha banda lonxitudinal azul. O ventre é branco prateado. As aletas son incoloras, salvo a dorsal, que é lixeiramente escura. Vive sobre a plataforma continental en augas relativamente cálidas, reunidas en grupos e formando enormes cardumes, e achégase á costa en época de reprodución, mentres que no inverno vai a zonas preto do noiro continental en fondos duns 150 m. Nun primeiro momento pensouse que eran peixes migradores que se desprazaban periodicamente de S a N, pero a súa viaxe é do fondo á superficie, desde augas máis profundas, en función do quentamento da auga. A súa área de distribución natural é moi ampla e comprende o Océano Atlántico, o Pacífico e o Índico. Aliméntase de zooplancto, que filtra polas espiñas que ten no primeiro arco branquial, e de larvas, e durante este proceso adoita desorganizar os bancos que forma. Son peixes peláxicos que se reproducen desde finais do inverno ata ben entrada a primavera, en mar aberto ou preto da costa. Cada femia produce entre 10.000 e 70.000 ovos, dependendo da súa idade e tamaño. Os ovos liberados flotan e son fecundados polo esperma dos machos que nadan enriba das femias. Os ovos permanecen formando parte do plancto unha ou dúas semanas, dependendo da temperatura, e presentan un diámetro de arredor dos 1,5 mm. As larvas son planctónicas durante un tempo e logo pasan a hábitos nectónicos. Poden vivir ata 7 anos. Péscase durante todo o ano, especialmente na primavera e no verán, e a arte que se emprega xeralmente é a rede de cerco, que ten unha lonxitude de 250 a 270 m, por 30 a 60 m de profundidade, aínda que tamén se emprega o trasmallo. A localización do cardume coas embarcacións tradicionais realízase visualmente e as capturas efectúanse nas noites máis escuras do mes, xa que producen un efecto lumínico que os permite ver a 15 ou 20 m. Non obstante, se nadan por debaixo dos 60 m, xa non se ven e as embarcacións máis modernas empregan sistemas eléctricos de detección, sistemas luminosos e ondas ultrasónicas. En canto aos principais países pescadores de sardiña destaca Marrocos, seguido de España, Portugal e Alxeria. A sardiña está fortemente ligada a Galicia e á súa cultura desde tempos remotos. Da súa pesca dependeu tradicionalmente a economía de moitas vilas da costa e foi, no seu momento, o motor de arranque da economía galega. Durante séculos as xentes mariñeiras de Galicia viviron practicamente deste peixe e contaban con antigas fábricas de salgadura en moitos lugares da costa. Comercialízase de diferentes maneiras, sendo as máis comúns, fresca ou en conserva, xeralmente en aceite, e tamén conxelada. Ata xullo do 2003 a regulamentación da UE, que se recollía no regulamento 2136/89, admitía exclusivamente como conserva de sardiña só aqueles produtos preparados a base desta especie, pero a partir da publicación do regulamento 1181/2003 aumentouse o número de especies, de máis baixa calidade, que se poden enlatar baixo esta denominación. Outros produtos que se poden obter da sardiña son as fariñas de peixe e o aceite, este último empregado na fabricación de xabóns e pinturas. En canto ao seu valor nutritivo, contén un 18% de proteínas, 74% de auga, vitaminas A, D, B2 e minerais moi diversos coma sodio, fósforo, calcio, magnesio e ferro. As sardiñas comercialízanse durante todo o ano, aínda que son máis abundantes entre xullo e novembro. En Galicia consómese tanto fresca como en conserva. Existe unha especial demanda nos meses de verán, xa que é a época na que ten maior cantidade de graxa. A forma máis tradicional de preparala é asada na brasa e acompañada con pan de millo e ás veces cachelos. Tamén se fai a sardiña lañada, que consiste en abrila lonxitudinalmente, retirarlle as vísceras e poñela en salmoira ou afumala antes de asala. Acompáñase, igualmente, con pan de millo e cachelos.