Seminario de Estudos Galegos
Institución científico-cultural fundada en outubro de 1923 por nove estudantes da Universidade de Santiago de Compostela, que aglutinou a profesores e alumnos universitarios, intelectuais do galeguismo e a distintos cenáculos da erudición local. Nos seus doce anos de vida activa (1923-1936), estruturouse en 12 seccións que abarcaban os principais campos das ciencias e das letras da época, abordou case todas as manifestacións da cultura galega, atendeu á formación de investigadores e á divulgación científica, e introduciu un novo método de traballo, en equipos interdisciplinares. Como mostran as súas publicacións, centrou a maior parte das súas actividades nas seccións de Historia, Prehistoria, Arqueoloxía e Historia da Arte e Etnografía e Folclore, e foi a única institución que levou a cabo dun xeito continuado en Galicia investigacións nestas disciplinas, e colaborou, ademais, coas institucións científico-culturais máis renovadoras da España da época. Encheu o baleiro investigador naquelas materias que non podía cubrir a universidade (á parte das citadas, tamén nas relativas a Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas, e elaborou en 1931 o primeiro Anteproyeito de Estatuto da Galiza), e intentou, desde o Instituto de Estudios Regionales (Consultorio de Plagas do Campo e Laboratorios de Xeoquímica e Bromatoloxía), enfocar algunhas disciplinas da rama de ciencias cara ás necesidades da sociedade galega. Un dos labores mais salientables do Seminario foi a serie de estudos monográficos interdisciplinares realizados en equipo sobre comarcas e parroquias galegas -parece ser que os primeiros realizados en Europa-, que supuxeron un grande adianto fronte ao excursionismo cultural dos eruditos, que respondía, en boa parte dos casos, máis a unha cuestión de curiosidade, gusto ou afección que a unha sólida formación científica. Tamén hai que destacar os estudos no campo do folclore e da prehistoria, que foi tamén a materia que máis avances (en teorías, hipóteses e interpretacións que deran sentido ás achegas empíricas) acadou na historiografía española da época, grazas ás influencias estranxeiras e ao labor da Junta para Ampliación de Estudios. Pódese dicir que o SEG foi unha institución que pertenceu á mesma árbore xenealóxica que iniciou en 1876 a ILE e que inspirou as mellores empresas culturais da España do primeiro terzo do s XX, como a Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas (1907), o Institut d’Estudis Catalans (1907) ou a Residencia de Estudiantes (1910). De xeito parello a estas institucións, o SEG axudou á formación dunha elite cultural que, de non ser pola ruptura de xullo de 1936, parece que estaba destinada a xogar un papel importante en Galicia. Co inicio da Guerra Civil cesou nas súas actividades e, rematada a contenda, as autoridades académicas franquistas prohibiron a posta en marcha da institución e decretaron a incautación dos fondos que tiña na súa sede no colexio de Fonseca, entre os que destacaban a Biblioteca e máis o Museo Etnográfico. En 1978, desde o Laboratorio de Formas de Galicia comezouse a traballar na restauración do SEG. A idea tivo unha boa acollida entre os vellos membros da institución e os novos profesores da universidade galega. Constituíuse unha Comisión Xestora que presentou un anteproxecto de restauración a unha asemblea consultiva, celebrada no auditorio do Museo do Pobo Galego o 28 de xullo de 1978. Nunha asamblea decisoria, o 10 de febreiro de 1979, sancionouse o proxecto definitivo, que se legalizou o 28 de xuño de 1979. O novo Seminario de Estudos Galegos está estruturado en nove áreas de traballo: Xeoloxía e Minaría, Agrarias, Mariñas, Biolóxicas, Arte/Comunicación, Xurídicas, Sociais e Políticas, Económicas e Pensamento Filosófico. Conta, ademais, con dous grupos de traballo interdisciplinar: un dedicado á Historia das Ciencias e das Técnicas e outro á Idade Media galega. Desde 1980, as diversas áreas veñen publicando traballos científicos e realizando xornadas e congresos nos que se trata de reflexionar e debater publicamente sobre os aspectos máis importantes da sociedade galega. Leva publicados máis de 170 volumes, que constitúen un dos conxuntos máis importantes de publicacións científicas existentes en Galicia. O novo Seminario de Estudos Galegos ten a súa sede en San Domingos de Bonaval, en dependencias cedidas polo Museo do Pobo Galego, e a súa secretaría no Instituto Galego de Información, en Santiago de Compostela, onde conta, entre outros fondos, coa Biblioteca de Díaz Rozas, que fora director da Sección de Pedagoxía do vello Seminario.