sinaítico -ca

sinaítico -ca

(< topónimo Sinaí)

  1. adx

    Relativo ou pertencente ao Sinaí.

  2. inscricións sinaíticas [ARQUEOL/ESCR]

    Conxunto de inscricións atopadas na península do Sinaí datadas entre o terceiro milenio a C e o s III d C. Son de tres tipos: exipcias (maioritariamente en escritura xeroglífica), protosinaíticas ou paleosinaíticas, e nabateas. As exipcias esténdense desde 2686? a 1148 a C, e atópanse en Maḡāra e Sarābīṭ al-Khādim, aínda que apareceron tamén en Al-’Air e Wādī Nasb. Son as máis importantes das atopadas en canteiras e minas. Mentres que as das dinastías III, IV e gran parte das da V dan tan só o nome do soberano, a partir do reinado de Djedkara Isesi (2415?-2376 a C), penúltimo faraón da V dinastía, vólvense moito máis explícitas. Esta evolución é claramente perceptible a partir da VI dinastía, e sobre todo na XII (1991-1786 a C), que deixou as inscricións máis importantes. Os textos do Imperio Novo (1570-1085 a C) son menos detallados, aínda que máis ricos ca os do Imperio Antigo. As inscricións protosinaíticas ou paleosinaíticas apareceron no centro-oeste da península, especialmente en Sarābīṭ al-Khādim. Foron redactadas entre 1550 e 1450 a C en semítico noroccidental. Están escritas nun alfabeto duns 23 signos consonánticos, claramente influído pola escritura xeroglífica exipcia, que aclara a formación do alfabeto semítico. As inscricións nabateas (s II-III) están escritas en arameo occidental (dialecto nabateo) e son obra deste pobo de etnia árabe. Aparecen en forma de graffiti nunha ampla zona da península. A pesar do seu impresionante número, conteñen moi pouca información histórica e lingüística.