1 sima

1 sima
s f [XEOG]

Cavidade natural en que predomina a compoñente vertical e que está constituída por un ou varios pozos unidos entre si. Distínguense tres grandes tipos atendendo á súa xénese: as simas de disolución, que se atopan na zona non saturada ou de infiltración dun macizo e onde a auga vai disolvendo a rocha aos poucos e formando pozos; as simas de afundimento, producidas ao afundirse a cuberta rochosa pola existencia dun buraco por debaixo dela; e as fendas de desprendimento, simas que se formaron ao abrirse unha fenda preto dun risco. As rochas calcarias son as máis axeitadas para a formación destas cavidades. Durante moitos anos considerouse que a sima máis profunda do mundo era a da Piedra de San Martín (Nafarroa), con -1.342 m. Posteriormente atopouse que o pozo Ateak (-1.408 m, tamén en Nafarroa) e o Sistema do Trave (-1.441 m, en Asturias) a superaban dentro da Península. A cova Gouffre Mirolda (-1.610 m, Francia) é a máis fonda coñecida actualmente. En Galicia a sima máis profunda é a de Aradela, con -142 m, aínda que tamén hai pozos notables na Cova do Rei Cintolo e na sima de Teixeira.

Palabras veciñas

silvita | 1 sim- | 2 sim- | 1 sima | 2 sima | Símaco, san | Simancas