Tabacalera SA

Tabacalera SA

Empresa que se creou en 1945 para xestionar o monopolio estatal de tabacos e servizos anexos. A súa orixe está nas diversas fábricas de tabaco creadas en distintas cidades españolas entre finais do s XVIII e comezos do s XIX que, en 1887, pasaron a depender da Compañía Arrendataria de Tabacos (CAT). Diversas renovacións do contrato de arrendamento levaron a unha situación en que o Estado era socio maioritario. En 1986 a entrada de España no Mercado Común representou legalmente a fin da situación do monopolio. En 1999 fusionouse coa francesa Seita, coa que creou a multinacional Altadis, a maior produtora mundial de cigarros. En Galicia fundouse en 1804 a fábrica de tabacos da Coruña coa finalidade de asegurar a subministración do noroeste peninsular. Instalouse, nun primeiro momento, nos antigos Correos Marítimos de La Habana e Bos Aires e despois estableceuse na Palloza. Foi unha fábrica mixta pois ademais de puros fabricaba picadura e cigarros. A finais da década de 1910 comezou a elaborar os Farias. Formada maioritariamente por mulleres, as cigarreiras constituíron en 1916 a Unión Tabacalera, e antes da Guerra Civil Española contaban cunha xornada de 8 horas, seguro de enfermidade, asistencia nos partos, 15 días de vacacións pagadas e outras prestacións sociolaborais. Despois da Guerra Civil Española e dos primeiros anos da posguerra, en que se restrinxiu o consumo, a recuperación conseguiuse coa fabricación dos cigarros Celtas e a diversificación dos Farias. A partir de 1960 produciuse a renovación tecnolóxica e impulsouse a produción de cigarros con filtro, entre os que destacou Ducados, e os Farias mecanizados. O aumento da mecanización e o descenso do número de traballadores permitiu unha maior produtividade. En 1985 automatizouse totalmente a produción da factoría, que se centrou na elaboración doutros tabacos, especialmente Fortuna e Winston. Integrada en Altadis, pechou en 2000.

Palabras veciñas

taba | Taba | tabacal | Tabacalera SA | tabaco | tabacose | tabaela