tamboril

tamboril

(

  1. s m [MÚS]

    Instrumento tradicional galego de percusión. Forma parte, igual ca o bombo, dos instrumentos de percusión bimembranófonos e a súa orixe está nas culturas antigas do Mediterráneo, desde onde se introduciu en Galicia. Inicialmente empregábase como base rítmica en distintas danzas e ritos máxicos, ata que comezou a utilizarse como acompañamento. Ata a aparición dos cuartetos tradicionais a principios do s XX o tamboril era o acompañamento case exclusivo e indispensable dos gaiteiros solistas. A catedral de Santiago de Compostela tiña un tamborileiro titular xa desde o s XVIII. Como instrumento de percusión é un dos encargados de marcar non só o ritmo, senón tamén as divisións rítmicas do fraseo dos instrumentos que tocan a melodía. Está formado por un corpo cilíndrico central, de madeira, máis longo ca ancho, e dous parches de pel de cabrito que cobren os extremos do cilindro. Os dous parches de pel axústanse ao corpo central con dous bastidores circulares de madeira que están unidos entre si polo exterior mediante unha corda estreita que percorre todo o cilindro en forma de zigzag. A corda leva, nas zonas onde forma un vértice preto dos bastidores, unhas presillas de coiro de forma trapezoidal que actúan como tensores das cordas e, polo tanto, dos parches de pelexo. Tamén leva unhas cordas finas feitas co mesmo pelexo na parte externa do parche inferior, chamadas bordóns, que permiten un maior redobre do son, dependendo da tensión que teñan, que tamén é variable. Nalgúns exemplares antigos obsérvanse estes bordóns tamén no parche superior, que se tensaban ata afinar coa tónica do punteiro da gaita que acompañaba. O son prodúcese ao golpear o parche superior con dous paus de forma cónica (máis anchos na parte pola que se suxeitan), chamados baquetas, que se elaboran con madeiras duras como o buxo ou o granadillo. Adoita levarse suxeito no van, pero tamén podía levarse pendurado do pulso cunha pequena correa, aínda que resulta máis dificultoso para tocar. Varía de tamaño dependendo das zonas. Nalgunhas comarcas da provincia da Coruña é pequeno e o seu son é máis seco, mentres que nas provincias de Ourense, Pontevedra e gran parte de Lugo o seu tamaño é maior e o son é máis suave.

  2. s m [ANIMAL/ICT]

    Peixe mariño, de ata 50 cm de longo, co corpo afusado, sen escamas e na rexión ventral ten de 15 a 20 ringleiras de pequenas espiñas. Pode inchar o seu corpo con aire ou auga. Amosa color azulada co ventre e os lados prateados.

Palabras veciñas

Tambo | tambor | tamborete | tamboril | tamborilar | tamborileiro -ra | Tambov