tantrismo
(< Tantra)
Forma esotérica de espiritualidade establecida en India entre os ss III e IV, desde onde se difundiu cara a Nepal, Tibet, Mongolia, China e Xapón. As formas hinduísta e budista presentan moitos puntos en común. O tantrismo hinduísta procede en parte das doutrinas do xivaísmo; e o budista, asentado na metafísica de mahāyāna, é a derradeira fase no desenvolvemento do budismo. Para o tantrismo, que é esencialmente empírico, o home, mediante as prácticas axeitadas, pode acadar a liberación da existencia continxente, que está situada máis alá das dicotomías entre suxeito e obxecto, activo e pasivo, ser ou non ser. A integración dos dous factores complementarios está representada iconograficamente pola unión conxugal, pero mentres que no tantrismo hinduísta o aspecto dinámico da realización está personificado polo principio feminino, no tantrismo budista represéntao o masculino. Unha das prácticas superiores consiste en identificarse cunha determinada deidade, que se acada despois dun longo proceso de meditación (dhyāna) sobre os atributos da deidade, unido a outras técnicas, como a recitación de fonemas místicos (mantra), os xestos rituais (mudrā) ou a concentración sobre diagramas psíquicos (man ḋ ala). Outras prácticas levan a acadar poderes psíquicos paranormais (siddhi), que permiten ao siddha controlar no seu beneficio certas forzas de enerxía que condicionan o home normal.