Teatro do Atlántico
Compañía profesional creada en 1985 por Xulio Lago despois da disolución do grupo Teatro da Mari-Gaila. O seu primeiro espectáculo foi Xoana (1985), creado a partir dun texto homónimo de Manuel Lourenzo, con dirección de Xulio Lago, responsable da realización escénica dos espectáculos, e tamén destacan Eu, Gulliver Ferreiro (1988), recital poético con textos de Celso E. Ferreiro e dramaturxia de Xulio Lago; Liberdade Brenana (1989), de Rainer W. Fassbinder; Historia de Neera (1990), a partir dun texto de Roberto Salgueiro, e galardoado co Premio Compostela para Xulio Lago, á mellor dirección, e Antonio F. Simón, á mellor escenografía; Ocasos (1991), con textos de Manuel Lourenzo e Marguerite Yourcenar, polo que María Barcala acadou o Premio Compostela á mellor interpretación feminina protagonista; Non se chora (1993), de Roberto Cossa; Casa de bonecas (1995), de Henrik Ibsen; A noite das tríbades (1996), a partir da obra de Per Olov Enquist, que foi galardoada co Premio María Casares ao mellor espectáculo, á mellor dirección (para Xulio Lago), á mellor interpretación masculina protagonista (para Gonzalo M. Uriarte) e á mellor interpretación feminina protagonista (para Casilda García); e O encoro (2004), que recibiu o Premio María Casares á mellor dirección para Xulio Lago.