televisión
(< 1 tele-+ visión)
-
s
f
[COMUN]
Transmisión a distancia de imaxes en movemento e de sons por medio de ondas electromagnéticas ou ben de cable. O alemán P. G. Nipkow patentou un sistema electromecánico de TV en 1884, en que a cámara consistía nun disco rotatorio con buratos formando unha espiral que permitían iluminar sucesivamente pequenos elementos do obxeto. O sinal luminoso recollíase nun dispositivo feito de selenio en que se producía unha corrente variable coa intensidade da luz reflectida. Un receptor en sincronismo cun disco semellante e sincronizado co da cámara invertía o proceso e mostraba a imaxe. A velocidade de rotación do disco determinaba, neste caso, o número de tramas de imaxe transmitidas por segundo. O primeiro sistema de televisión apareceu en Inglaterra (1926) da man do escocés J. L. Baird, e consistía esencialmente no sistema de Nipkow, máis un amplificador, un transmisor e un receptor electrónicos. A BBC empregou o sistema electromecánico de Baird para transmitir a partir de 1926 imaxes de TV de 30 liñas e 10 imaxes por segundo. O sistema mellorouse ata alcanzar 240 liñas e 25 imaxes por segundo antes de ser substituído polos sistemas totalmente electrónicos. Os receptores mecánicos de TV, vendidos en Inglaterra e EE UU desapareceron a partir de 1932 ao aparecer os sistemas de TV completamente electrónicos. Estes sistemas baseábanse no tubo de raios catódicos (CRT) inventado polo alemán K. F Braun baseándose nos traballos do inglés William Crookes. Os primeiros en aplicar os CRTs á televisión foron os rusos Boris Rosing e Vladimir Zworyking. Este último estableceu a base da TV moderna. Despois aparecerían o Orthicon e o Vidicon que tamén se empregaron como tubos de cámara. En Europa, as cámara de TV xeran 625 liñas para representar a imaxe a unha velocidade de 25 imaxes por segundo. O sinal dunha liña representa a luminosidade da imaxe desa liña. Para mellorar a calidade da imaxe e diminuír o pestanexo, unha imaxe envíase en dous cadros consecutivos. Os cadros impares conteñen as liñas impares e os pares as liñas pares. Este tipo de imaxe denominábase entrelazada. En EE UU e outros países o sinal de TV ten 525 liñas e xera 30 imaxes por segundo. O número de cadros por segundo (60 no caso europeo) denomínase tamén frecuencia vertical. O diferente valor desta entre EE UU e Europa débese á diferente frecuencia da rede de distrubución eléctrica, dado que o sinal da rede empregábase na xeración da frecuencia vertical do receptor de TV. O sinal que se obtén polo mosaico da cámara de TV mestúrase cos sinais de sincronización de liña e cadro que se requiren para reproducir correctamente a imaxe. Este sinal modula en modo BLV (banda lateral vestixial) a portadora de vídeo do canal de TV correspondente. Ao resultado engádeselle o sinal de son mediante o uso da modulación FM, e o que dá como resultado é un sinal complexo de aproximadamente 7 MHz de ancho de banda. Para a transmisión do sinal pódese empregar a banda de VHF (de 45 MHz a 450 MHz) ou a banda de UHF (de 450 MHz a 862 MHz). As canles de VHF teñen 7 MHz de ancho de banda e as de VHF 8 MHz. As cadeas de televisión comezaron a emitir a cor a principios da década de 1950, e os sistemas máis empregados foron o NTSC orixinado en EE UU, o SECAM de Francia e o PAL de Alemaña. Os sistemas dixitais de TV comezaron na década de 1990, que tamén se denominaron de alta resolución. Teñen a vantaxe de que poden ser transmitidos empregando o ancho de banda das canles analóxicas existentes ou por sistemas de telecomunicacións puramente dixitais, como os sistemas baseados en fibra óptica. Os sinais da TV de alta resolución precisarían velocidades de transmisión tan altas como 200 Mbits/s, imposibles de transmitir empregando as canles de 7 e 8 MHz existentes; por iso, estes sistemas comprimen as imaxes antes de transmitilas, mediante o método MPEG. Os sinais de TV transmítense tanto por antenas repetidoras conectadas á emisora por radioenlaces como por satélites ou sistemas de cable. Neste caso os satélites, son xeostacionarios, situados sobre o ecuador a unha altura aproximada de 36.000 Km. Desde a superficie da Terra aparecen estacionarios, xa que xiran exactamente á velocidade de rotación da Terra.
-
s
f
[COMUN]
Sistema de emisión de televisión en que o sinal se transporta ata o receptor ou a través de cable coaxial ou de fibra óptica. OBS: Tamén se coñece como televisión por cable.
-
s
f
[TECNOL]
televisor.