Televisión Española
Cadea pública española de televisión de ámbito estatal que comezou a emitir o 28 de outubro de 1956, coas primeiras instalacións na Avenida de La Habana, en Madrid. A programación regular chegaba só a área de Madrid pero, a partir de 1960, foise ampliando ao resto do Estado. Ese mesmo ano comezaron as retransmisións a través de Eurovisión e a TV por satélite (1962). En 1965 TVE fixo probas para implantar a televisión en cor e comezou a emitir en UHF, unha canle que logo pasou a denominarse La 2 (1990). Establecida nos estudios de Prado del Rey (1972), ampliou a rede de centros territoriais de TVE, creáronse os Servicios Informativos (1967), implantouse o Teletexto (1985) e comezaron as retransmisións de Hispavisión de TVE para América (1994). Recibiu o Premio Galicia de Comunicación (1998), ademais de multitude de galardóns por destacados programas como “En Portada”, “Documentos TV” ou “Informe Semanal”.