Tribunal da Rota Romana

Tribunal da Rota Romana

Tribunal ordinario e supremo de apelación da Santa Sé. Ten a súa orixe na Chancelaría Apostólica da que formaban parte o chanceler, os auditores contraditorum e os cappellani. Encomendábaselle ao principio, caso por caso e despois de modo estable, a instrución das causas. Inocencio III concedeulles tamén a potestade de pronunciar sentenza. Con Inocencio IV e o I Concilio de Lyon os capeláns formaron un tribunal estable. O nome de Rota deriva probablemente do recinto circular en que se reunían e sentaban os auditores para xulgar as causas. Sisto IV (1472) fixou en 12 o número dos capeláns auditores. Benedito XIV determinou definitivamente a competencia do tribunal coa constitución Iustitiae et pacis (1747). A elección dos auditores estivo sempre reservada ao papa, pero concedeuse a algúns estados o dereito a nomear algún auditor: España nomeaba 2 e Alemaña e Francia un. Debían ser importantes doutores en dereito, ademais de distinguirse pola súa prudencia e integridade de vida. A partir de Gregorio XVI (1834) foi tamén tribunal de apelación para os Estados Pontificios, mentres as causas pertencentes ao foro eclesiástico se decidían nas Congregacións. En 1870, practicamente cesou a súa actividade, pero Pío X coa constitución Sapienti Consilio (1908) restableceunos. Xoán Paulo II aprobou e promulgou as Normas vixentes en 1994. Xulga por quendas de tres auditores o videntibus omnibus. Esencialmente é tribunal de apelación e xulga: en segunda instancia, as causas definidas polos tribunais ordinarios en primeiro grao e remitidas á Santa Sé por apelación lexítima; en terceira e ulteriores instancias, as causas tratadas xa en apelación pola mesma Rota ou por outro tribunal eclesiástico de apelación. É tamén tribunal de apelación para os tribunais eclesiásticos de Cidade do Vaticano. Non obstante, xulga tamén en primeira instancia as causas que expresamente lle son reservadas e aquelas que o papa lle encomende ou sexan avogadas polo decano da Rota Romana.