trigo

trigo

(< lat tritĭcu)

  1. [PLANTA/AGR]
    1. s m

      Planta herbácea anual ou bienal pertencente ao xénero Triticum, da familia das poáceas, co talo erecto de 1 m de altura ou máis, raíces fasciculadas e follas lineares. As glumas son ovadas e as flores agrúpanse en espigas terminais, cun eixe articulado e fráxil ou continuo e resistente, e que conteñen en cada nó unha espiguiña de 2 a 5 flores. O froito, denominado trigo, adoita desprenderse libremente da casca ao madurecer, aínda que en certas especies queda unido. Recoñécense 14 especies de trigo, todas cultivadas. Segundo a súa dotación cromosómica distínguense tres grupos: especies diploides, as máis primitivas, con 14 cromosomas, como T. aegilopoides e T. monococcum, que tras hibridarse con outra poácea deron orixe aos tetraploides con 28 cromosomas como o T. dicoccoides, T. durum ou T. persicum, que por hibridación con outra poácea orixinaron os hexaploides que teñen 42 cromosomas entre os que destaca o trigo común (T. aestivum), que produce as fariñas panificables e presenta gran número de variedades como o T. spelta. A hibridación viuse favorecida pola enorme expansión do cultivo dos trigos máis primitivos e as novas características que apareceron foron decisivas para o seu éxito agrícola. Desde o Neolítico ata a actualidade o trigo constituíu un alimento básico no mundo mediterráneo, en Europa e no Oriente Próximo, de onde é orixinario. Foi un dos primeiros cereais cultivados; inicialmente consumíase cocido pero progresivamente foise impoñendo o uso en forma de fariña. Durante a Idade Media o pan constituía o alimento base da poboación europea, sen apenas substitutos. Isto significou que o trigo ocuparía, xunto a outros cereais, a maior parte das terras de cultivo. Debido á súa importancia foi obxecto de regulamentación e control por parte das administracións públicas, xa desde a época de Carlomagno. O perfeccionamento das técnicas e prácticas agrícolas, o aumento demográfico e a concentración urbana, entre outros factores, provocaron a ampliación da área cultivada, o aumento da produtividade e a estimulación dos prezos e dos intercambios. Nos ss XIV e XV xa existía un comercio europeo de trigo con mercados, centros de consumo e flutuacións de prezos, que se consolidaron entre os ss XVI e XVIII. A industrialización modificou enormemente a xeografía do trigo e os progresos técnicos na agricultura e nos transportes posibilitaron a formación dun comercio mundial. Respecto ás condicións de cultivo do trigo, estas non son demasiado esixentes, polo que é viable en climas e solos diversos. As temperaturas extremas que soporta varían segundo as distintas variedades, indo desde os 5°C (por debaixo deles non crece) ata os 30°C (por riba deles a transpiración é demasiado intensa). Os solos máis indicados para o seu cultivo son capaces de almacenar ben a auga e manter unha boa transpiración, cun pH lixeiramente alcalino. Seméntase na primavera ou no outono e a sega ten lugar en épocas variables segundo as variedades e o clima. Nas occidentais latitudes, ségase entre finais de maio e finais de xullo. Pode verse afectado polo agostamento e polas primaveras chuviosas e frías e as xeadas. Tamén pode ser atacado por diversos fungos como o cornizó e por insectos, e sufrir danos considerables. O gran de trigo contén glícidos (amido, azucres), proteínas, lípidos, sales minerais e vitaminas. A elevada proporción dos primeiros fai que este e os seus derivados, sexan considerados xeralmente fontes de hidratos de carbono. Entre as aplicacións máis comúns está o seu uso na fabricación de pastas alimentarias, para a obtención de amido e forraxe para o gando e para a fabricación de pan e repostaría. É o cereal máis importante, xunto ao arroz, e o de maior transcendencia para a economía agrícola internacional. En moitos países constitúe aínda a base alimentaria da poboación. A primeira rexión continental produtora é o L e S de Asia, seguida de América do Norte, Rusia, Ucraína e a Europa Occidental. España ocupa un dos últimos lugares entre os produtores importantes, porén, representa unha parte fundamental na súa agricultura. Destaca a enorme importancia da superficie dedicada ao cultivo de trigo, concentrada principalmente nas terras de secaño do interior da Península Ibérica. En Galicia, aínda que xeralmente aumentou o seu cultivo nas últimas décadas, nos últimos anos entrou en regresión. O seu cultivo pode ser temperán, cultívase en inverno e recóllese en verán, ou serodio, seméntase na primavera e recóllese no verán. Tras a sega, o trigo agrúpase en monllos, formando o seu conxunto os característicos medeiros. Consómese despois de sometelo ao moído, co que se obtén a fariña panificable, alimento moi importante na dieta humana. Con esta fariña elabórase a masa do pan, das empanadas e outras masas reposteiras. Tamén é o ingrediente principal do pan trigo e do pan branco, que era moi apreciado debido á súa codia e miolo suaves.

    2. trigo de aresta negra

      Calquera das variedades de trigo duro provistas de arestas negras.

    3. trigo pintado

      Calquera das variedades de trigo que dan grans de cor vermella.

  2. s m [BOT]

    Gran do trigo.

  3. adx

    Que ten trigo.

  4. s m [PLANTA]

    Planta herbácea anual de 20 a 50 cm de altura con espigas longas e primas, de froitos con dúas ou tres arestas diverxentes. Vive en lugares secos da rexión mediterránea, sobre todo nas beiras dos camiños.

  5. trigo sarraceno/mouro [PLANTA/ALIM]

    Planta de follas cordiformes, flores pentámeras de cor branca e rosada e froito de tipo aquenio. A pesar do seu nome, non é un cereal. Presenta sementes das que se obteñen fariñas panificables e tamén como alimento para animais. É unha especie de trigo de cor verde escura cunha fariña coa que se elaboran galletas, pan negro e outras especialidades. Pode cultivarse en todo tipo de solos, sobre todo naqueles que son húmidos e tépedos. Utilízase en alimentación, como forraxe ou abono. É fácil de dixerir, carece de glute e é bo para a circulación.

Refráns

  • Cando o trigo está na eira, anda o pan por enriba da artesa.
  • Cando o trigo está no celeiro, é do que ten diñeiro.
  • En marzo o trigo nin por sementar nin nado.
  • O día de san Xoán créballe a raíz ao pan e o día de san Pedro créballe a do medio; o día de Santiago créballe a do cabo; e o día de santa Isabel, foucifias con el.
  • Se che vai ben o trigo tardeiro, non llo digas ao teu compañeiro.
  • Trigo centeoso, pan proveitoso.
  • Trigo que non has de colleitar, deixa de o visitar.