túnel

túnel

(< ingl tunnel)

  1. s m [CONSTR/ENX]

    Paso subterráneo aberto artificialmente a través dunha montaña ou por baixo dun río, para dar paso a unha vía de comunicación ou unha condución de auga. Os túneles adoitan escavarse, como as galerías das minas, voando a rocha con barrenos ou tamén, especialmente en terreos acuíferos, cunhas grandes máquinas que avanzan sobre carrís e que soportan diversas plataformas desde as que se ataca a rocha con barrenas ou cunha enorme fresa do mesmo diámetro ca o túnel. O método e a técnica que se empregan na construción dun túnel dependen basicamente da natureza do terreo. Os túneles máis longos do mundo son o túnel submarino de Seikan, en Xapón, que ten 54 km e une as illas de Honshū e Hokkaidō, construído en 1988; e o do canal da Mancha, de 50 km, inaugurado en 1994. O túnel máis antigo construído por baixo dun río é o que atravesa o Támesis, en Londres, construído entre 1824 e 1842.

  2. efecto túnel [FÍS]

    Fenómeno que consiste na posibilidade que ten unha partícula elemental de atravesar unha barreira de potencial cuxo nivel de enerxía é superior ao da partícula. Foi unha das primeiras confirmacións da mecánica cuántica.

Palabras veciñas

tundir | tundra | Tundža | túnel | Tunes | Tunes | tunesino -na