Universidade de Vigo
Institución universitaria creada en Vigo pola Lei 11/1989, de 20 de xullo, de Ordenación do Sistema Universitario de Galicia (LOSUGA). Un dos antecedentes da Universidade de Vigo foi a constitución do Colexio Universitario de Vigo (CUVI), amparada mediante decreto en outubro de 1972. En 1980 firmouse o convenio de integración do CUVI na Universidade de Santiago de Compostela e, en 1982, tivo lugar a entrega oficial. A Universidade de Vigo pasou a ter titulacións completas e outras de nova creación en exclusiva para toda Galicia, como Enxeñaría Técnica de Telecomunicacións. Está estruturada nos campus de Vigo (central), Ourense e Pontevedra. A finais de 2003 inaugurouse a Cidade Universitaria de Lagoas-Marcosende (na parroquia viguesa de Zamáns), que supuxo a mellora das instalacións e a creación de novos espazos educativos, deportivos e de ocio. O primeiro reitor da Universidade de Vigo foi Luis Espada Recarey (1989-1994).