Urartu
Antigo país de Oriente Medio, situado ao N de Asiria e centrado ao redor do lago de Van (Turquía). Mencionado nas fontes asirias desde o s XIII a C, os urarteos amosaron certas semellanzas cos hurritas. Despois das derrotas sufridas polos seus soberanos Uruatri e Aramu contra Salmanasar I e II respectivamente, Sardurio I (840-830 a C) fundou unha nova dinastía que iniciou unha fase de esplendor vinculada á metalurxia do ferro. Desde mediados do s VIII a C estendeu os seus dominios polo val do río Araxes, Melitene (777) e unha parte do Reino de Tuate de Tabal. Sardurio II (755-735 a C) expandiuse cara ao O, chegando a Cilicia, ao N de Siria e á zona do Tigris, pero o renacemento do poder asirio con Teglatfalasar III, significou a fin da influencia urartea na zona (743 a C). Ademais Rusas I (735-713 a C) tamén foi vencido polos cimerios (714 a C), e por Sargón II de Asiria e, a partir da toma da súa capital polos escitas (609 a C), Urartu deixou de existir como estado importante.