vaca
(
-
s
f
[ANIMAL]
Mamífero ungulado, da orde dos artiodáctilos, femia adulta do touro. Segundo as razas presenta unha gran variedade morfolóxica, en canto a coloración, altura e peso. É ruminante e aliméntase pricipalmente de pasto, pero a súa dieta pode complementarse con pensos ou gran. A súa orixe remóntase posiblemente á especie B. primigenius, procedente de Europa, que foi domesticada por primeira vez hai uns 8.500 anos; outros autores cren que deriva da especie B. namadicus, e outras teorías consideran que a vaca é de orixe polifilética e que se orixinou a partir de varias formas primitivas, como poden ser B. taurus primigenius, B. europaeus brachyceros e B. frontosus, entre outros. Xa desde antigo, o seu uso estaba destinado á produción cárnica e leiteira, e nalgúns casos tamén se utilizaban como animais de tiro, elementos de diversión, ou eran considerados animais sagrados (en India aínda pervive este culto) ou usados como ofrendas para sacrificios. Da vaca aprovéitase case todo e dela obtense carne, leite e coiro, entre outros produtos, polo que é, xunto co porco, un dos animais máis importantes no sector gandeiro. A carne de vacún é a terceira de maior produción en España, despois da porcina e a avícola. Ademais, hai que resaltar a importancia da creación de carnes con denominación de orixe, como a de Ternera Gallega, que supón, aproximadamente, un 80% de produción de todas as carnes con D.O. Non se pode falar dunha produción concreta de leite por vaca, xa que iso depende das razas e do propio animal. Tamén existen vacas de uso mixto, pero a súa produción leiteira é menor ca a das destinadas só para este fin. Das principais razas leiteiras destacan as Hoilstein-Friesian, Aysrhire e Brown Swiss; das razas para carne as Hereford, Aberdeen-Angus, Charolesa, Simmental ou Rubia Galega; e das razas de uso mixto, están as Milking Shorthorn, Red Dane ou as Brahma. En Galicia, as razas existentes son a Rubia Galega (autóctona) e as morenas cachenas, caldelás e limiás (autóctonas), frieiresas e vianesas. A maior concentración de gando vacún está en Asia (principalmente en India, China e Bangladesh), seguida de preto por América do Sur (especialmente en Brasil, Arxentina e Colombia). En Europa as principais nacións cun censo elevado de vacún son Francia, en primeiro lugar, seguida por Alemaña, Reino Unido, Italia e Irlanda. España, en sexto lugar, ten un censo de gando bovino que supón o 7,3% do total da Unión Europea. Por comunidades autónomas en canto á produción de leite, a comunidade de maior relevancia tanto en explotacións gandeiras como en número de vacas é Galicia, seguida por Castela e León e Asturias; en canto a produción de carne, as comunidades máis importantes son Castela e León, Extremadura e Andalucía, e en animais para cebo, Castela-León, Catalunya e Castela-A Mancha. En xeral, na Península Ibérica, as rexión do N e sobre todo do NO, son as de maior produción leiteira de vacún, por ter mellores pastos; así, Galicia, produce a cuarta parte do leite que se produce en España e o 10% da carne. En canto ao tamaño das explotacións en Galicia, a maioría son de menos de 30 vacas e o número de explotacións de gando bovino está en descenso; no N da rexión é onde existen o maior número de explotacións, concretamente no NL concéntrase o maior número de vacas por explotacións. En canto ás razas de vacún, en Galicia a máis abondosa é a frisoa, para a produción de leite, e a Rubia Galega para a produción cárnica, e en menor medida están as Pardas Alpinas e as Morenas do NO. Para ceba son máis utilizadas as vacas de cruzamento e despois as Rubias Galegas. As vacas poden verse afectadas por enfermidades como a mamite, a febre aftosa, a brucelose, a peste bovina, a tiña ou a encefalopatía esponxiforme bovina (EEB). Estas enfermidades repercuten negativamente na produción gandeira, como por exemplo, o caso da brucelose, que provoca o sacrificio de todo o gando enfermo, dada a súa perigosidade para o home.
-
s
f
[PESCA]
Aparello que se emprega para a pesca de arrastre, en barcos movidos por tracción mecánica. Do mesmo xeito que o bou, a vaca pode ser arrastrada pola popa dun só barco. Arríase o aparello por un costado e, tras dar unha virada co barco para estirar a rede no mar, comézase unha operación de arrastre que pode durar de tres a catro horas. Debido ás grandes dimensións destes aparellos e ao peso da pesca que recolle, no momento de cobrar a rede cara ao barco utilízanse uns haladores mecánicos. Conforme as similitudes físicas que a vaca mantén co bou, o xeito de traballar é exactamente idéntico, salvo que a falta de protección da vaca só permite faenar en fondos areosos, xa que a presenza de pedras pode romper o aparello. Esta rede de arrastre captura todo tipo de peixe de fondo, sobre todo pescada, polbo, xurelo e lirio. O seu uso está prohibido nas rías.
-
s
f
[PESCA]
Arte de pesca do arrastre, máis pequena ca o bou, que se emprega preto da costa e é levada a cabo por un ou dous barcos que van arrastrando as redes ata subilas de novo a bordo coa captura colleita.
-
s
f
[PESCA]
Barco de altura máis pequeno ca o bou e que emprega a arte do mesmo nome cun só barco ou en parella.
-
vaca mariña/do mar
[ANIMAL]
morsa.
-
vaca mariña de Steller
[ANIMAL]
Mamífero sirenio, duns 7-8 m de lonxitude e 6 m de circunferencia na zona máis ancha, que está desprovisto de dentes. Foi descuberto en 1742 nunha área moi limitada do mar de Bering. Foi sometido a unha caza intensa e excesiva, que provocou a súa extinción en 1768, 25 anos despois do seu descubrimento.
Refráns
- Vaca e cameiro, comida de cabaleiro.
- Vaca estransillada, nin bo leite nin boa crianza.
- Vaca estrullada, nin leite nin crianza.
- Vale máis bocado de vaca que catro de pataca.