Varsovia, pacto de

Varsovia, pacto de

Alianza militar suscrita en Varsovia o 14 de maio de 1955 pola URSS, Albania, Bulgaria, Hungría, Polonia, a República Democrática Alemá, Checoslovaquia e Romanía. O seu nome oficial era Tratado de Amizade, Colaboración e Asistencia Mutua. Supeditado aos intereses da URSS, foi a resposta do bloque comunista á creación da OTAN e tiña como obxectivo principal a defensa mutua en caso de ser atacado. Contaba co Comité Político Consultivo, formado polos ministros de Exteriores dos países membros, e co Mando Supremo Militar, encabezado por un mariscal soviético. Albania separouse en 1968 a raíz da invasión de Checoslovaquia. A disolución do réxime comunista levou á súa disolución formal o 1 de xullo de 1991 en Praga.