verdade

verdade

(< lat veritāte)

  1. s f
    1. Conformidade de aquilo que se pensa, que se expresa, coa realidade.

      Ex: Non responde da verdade desta nova.

    2. Idea ou proposición que non pode ser negada racionalmente.

      Ex: As verdades científicas son demostrables.

    3. Existencia real dunha cousa

      Ex: O home que viches é de verdade.

    4. Aquilo que é verdadeiro nun sentido absoluto.

      Ex: Eu son o camiño, a verdade e a vida.

    5. Expresión sincera daquilo que se sabe ou se presenciou.

      Ex: Falar con acento de verdade.

    6. Aquilo que se di a outro sobre os seus defectos ou as queixas que del se teñen, sen compadecelo. OBS: Adoita empregarse en plural.

      Ex: Dicindo as verdades, pérdense as amizades.

  2. s f [FILOS]

    Concepto fundamental e, na súa problemática mesma, obxecto central da reflexión filosófica de todos os tempos. Atendendo á súa tripla raíz etimolóxica, hebraica, grega e latina-, poderíase definir a verdade como a realidade mesma, en tanto que é manifesta, digna de confianza e obxecto do coñecemento e da palabra en que esta se expresa. A comprensión orixinaria, na súa conceptualización grega, da verdade como unha identidade entre o real e a súa manifestación levou posteriormente ao problema da distinción entre episteme (coñecemento do verdadeiro) e doxa (opinión), chegando a ser a cuestión central da tradición filosófica de Occidente. Tamén se deron a distinción augustiniana entre verdades eternas (universais e inmutables) e nocións comúns (verdades continxentes e non verdadeiras) e a diferenciación escolástica entre verdade transcendental e predicamental. A filosofía de Kant (distinción noúmeno-fenómeno) non foi, senón a explicitación e culminación do feito de que o problema da verdade foi un problema nunca resolto na tradición occidental. Por outra banda, a crise da consciencia crente, que resolvía o gran problema da verdade e do coñecemento mediante a autoridade divina dunha palabra de revelación, determinou a emancipación do coñecemento propiamente científico, como a propia dunha busca inmanente da verdade. Na situación contemporánea (occidental e universal), o problema de harmonización entre verdade revelada e verdade racional (entre fe e razón, ou entre teoloxía e filosofía), estivo reformulada coa distinción entre a chamada verdade científica e outros tipos de verdade como a relixiosa, a filosófica-metafísica e a moral.

Frases feitas

  • 2 Real.

  • 3 Auténtico ou como debe ser.

  • A dicir verdade. Francamente ou para ser sincero.

  • De verdade. 1 Expresión coa que se di que algo é certo.

  • De verdade? Estás seguro?

  • En verdade. Realmente.

Refráns

  • A verdade adelgaza pero non creba.
  • A verdade é aceda e a mentira é doce.
  • A verdade é filla da caridade.
  • A verdade é filla de Deus e afiliada do demo.
  • A verdade é filla de Deus; e a mentira, do diaño.
  • A verdade foxe dos currunchos.
  • A verdade fura as paredes.
  • A verdade non é máis ca unha.
  • A verdade non perde por nena nin a mentira gaña por vella.
  • A verdade non ten máis que un camiño.
  • A verdade non ten pes e anda.
  • A verdade ten forza, porque non se creba.
  • A verdade ten moita forza.
  • Andade a dicir verdades e morreredes nos hospitales.
  • As verdades sempre amargan.
  • As verdades sempre amargan.
  • Do que vai torto non digas que vai dereito.
  • Falar e ¡sexa quen queira!
  • Máis vale dicir verdades que parezan mentiras, que mentiras que parezan verdades.
  • Mal me queren as comadres, cando lles digo as verdades.
  • Mal me queren as comadres, porque lles digo as verdades.
  • Non se han dicir tódalas verdades en tódolos tempos e lugares.
  • Non traias enganado o médico, o confesor nin o avogado.
  • Ó médico e ao avogado, non o traias enganado.
  • Ó médico, ao confesor e ao avogado falarlle claro.
  • Ó teu abade dille sempre a verdade.
  • Para verdades, o tempo.
  • Por dicir as verdades, pérdense moitas amistades.
  • Quen di a verdade non peca nin mente.
  • Quen non crea a verdade, verdade non dirá.
  • Quen verdade non me ere, verdade non me di.
  • Vive sempre coa verdade e vivirás con seguridade.