Villafranca del Bierzo, provincia de

Villafranca del Bierzo, provincia de

Antiga demarcación territorial de España que integraba territorios das comarcas do Bierzo, Laciana e Valdeorras, con capital en Villafranca del Bierzo. Dividiuse en catro partidos: O Barco de Valdeorras, Ponferrada, Toreno e Villafranca del Bierzo. Permaneceu vixente entre outubro de 1821, cando as Cortes aprobaron a nova planta provincial, e xullo de 1823, cando penetraron no Bierzo as tropas dos Cen Mil Fillos de San Luís para restaurar o Antigo Réxime. A reorganización provincial de 1833 non recuperou esta demarcación e desde entón o seu territorio quedou diluído entre as provincias de Ourense (partido do Barco de Valdeorras) e León (partidos de Ponferrada, Toreno e Villafranca del Bierzo).