Voz de Galicia, La

Voz de Galicia, La
[PUBLIC]

Xornal publicado na Coruña a partir do 4 de xaneiro de 1882. Subtitulado “Diario político y comercial”, os seus fundadores e propietarios foron Xoán Fernández Latorre, Antonio Prieto Puga e Xosé M. Martínez, creadores dunha publicación de ideario progresista, republicano, democrático, librepensador e anticlerical, dirixida inicialmente por X. Fernández Latorre. O 29 de outubro de 1885 disolveuse a sociedade e a propiedade do xornal quedou unicamente en mans de X. Fernández Latorre, quen ese mesmo ano fundou a Biblioteca Gallega, en sociedade con Andrés Martínez Salazar. Nesta colección publicáronse algunhas obras dos máis destacados autores galegos da época. En 1887 asumiu a dirección Xosé Lombardero e cambiouse o subtítulo “Diario ilustrado, político y mercantil” polo de “político e mercantil”. En 1906 comezou a tirarse en linotipia, a primeira de Galicia, e foi perdendo o radicalismo dalgúns dos artigos da primeira época. Tras a morte do fundador, o 14 de marzo de 1912, comezou a funcionar a sociedade anónima La Voz de Galicia, que xa fora constituída en 1910, e que nos anos sucesivos e baixo a dirección de Alexandre Barreiro (1914-1937) se ía encargar da consolidación da cabeceira, que foi aumentando a súa tiraxe (12.000 exemplares en 1914). A partir de 1916, as Irmandades da Fala tamén atoparon un oco nas páxinas do xornal. Coa Ditadura de Primo de Rivera, o xornal deulle un maior peso ás informacións sociais e culturais, e fuxiu dos temas políticos para evitar a súa suspensión ou peche. Durante a República acadou os 20.000 exemplares, pero coa Guerra Civil sufriu a súa primeira suspensión e non saíu á rúa entre o 19 e o 24 de xullo de 1936. A partir de 1937 quedou en mans da autoridade militar, pero o vicepresidente, Emilio Rey Romero, conseguiu que non fora nacionalizado a cambio de someterse aos ditames do novo réxime. Ao longo deses anos foron sucedéndose distintos directores nomeados polo mando militar ata que en 1946, Emilio Rey Romero mercoulle ao seu cuñado, Enrique de la Torre, as súas accións, polo que comezou unha nova etapa para o xornal, baixo a presidencia de Rey Romero. En 1951 Pedro de Llano, Bocelo, ocupou a dirección e iniciou a recuperación de lectores, que caera ao longo dos anos. Co traslado á sede da rúa Concepción Arenal, que foi inaugurada en 1958, reorganizouse a redacción e o seu deseño, e comezáronse a abrir distintas delegacións: Ferrol (1953), Santiago de Compostela (1959), Carballo (1964) e Lugo (1965). O 25 de xullo de 1959 convocouse a primeira edición do premio xornalístico Fernández Latorre. A partir da década de 1960 o diario reforzou os seus contidos culturais coa publicación dun suplemento dominical en que se incluíron temas sociais, culturais e económicos, así como críticas literarias con algunhas das sinaturas máis destacadas das letras galegas da época. En 1968 Pedro de Llano foi substituído por Francisco Pillado; nese ano o xornal tiraba case 50.000 exemplares e, ao ano seguinte, contou con seis edicións diarias. En 1987, tras a morte de Rey Romero, o seu fillo, Santiago Rey Fernández-Latorre, asumiu a presidencia da corporación e comezou unha etapa marcada por unha ambiciosa xestión empresarial que levou o xornal a acadar as maiores cotas de tiraxe da súa historia. O periódico mantivo numerosos suplementos ao longo dos tempos, como “Galicia”, “Aula Magna”, “La Voz de la Escuela” ou “Caderno de Cultura”. Este tipo de suplemento recuperouse a partir do 17 de xullo de 1990 coa cabeceira dominical “Cultura”. Nos anos seguintes foise incorporando a cor ás páxinas do xornal, aumentaron as edicións ata un total de 15, incrementouse a súa difusión, entregáronse diversos coleccionables e, xunto co diario, foron nacendo outras sociedades noutros sectores da comunicación (radio, instituto demoscópico, produtora audivisual) que deron lugar á Corporación Voz de Galicia. En 1999 instalouse na súa nova sede do polígono de Sabón, preto da Coruña. Dirixido por Bieito Rubido (2002), é o periódico de maior lectura de Galicia e ocupa un dos primeiros postos de venda entre os xornais de información xeral en España.