fetichismo

fetichismo

(< fetiche)

  1. s m [RELIX]

    Culto dos fetiches. O termo aplicouse á relixión dos pobos de África Occidental e posteriormente, trala publicación da obra Culto dos deuses fetiches (1760) do erudito francés Charles de Brosses, difundiuse por Europa e identificouse coa relixión daqueles pobos que consideraban a todos os seres naturais dotados de forzas anímicas, forzas que tentaban propiciar por medio do culto. Segundo as interpretacións da etnoloxía, este tipo de relixións inclúense no concepto de animismo.

  2. s m

    Admiración esaxerada e excesiva de algo ou alguén.

  3. s m [PSIC]

    Manifestación ou comportamento sexual, xeralmente como resultado dunha fixación de impresións infantís, que consiste en contemplar e manipular unha parte do corpo ou un obxecto determinado para espertar o apetito sexual ou chegar incluso ao orgasmo.

  4. fetichismo das mercadorías [ECON]

    Expresión utilizada por Marx para expresar a terxiversación do home respecto das cousas, as mercadorías e as relacións de produción, imperante no sistema capitalista. Consiste en atribuírlles ás mercadorías propiedades fantásticas que non lle pertencen de seu, senón que son atribuíbles ao traballo humano. Así, por exemplo, atribuírlle un prezo determinado polo seu valor obxectivo, cando, en realidade, o prezo é consecuencia da relación social concreta de traballo que se materializa a través desa mercadoría.

Palabras veciñas

fête champêtre* | FETE Informa | fetiche | fetichismo | fetichista | feticida | feticidio