floricultura
(< flori- + -cultura)
Rama da horticultura que trata do cultivo das plantas para a obtención de flores destinadas, sobre todo, á ornamentación. Ocúpase de aspectos diversos, como o estudo das condicións climáticas e edáficas óptimas para o desenvolvemento de cada unha das especies, o coñecemento das enfermidades máis frecuentes e os métodos de prevención e curación, o melloramento das variedades xa existentes e a obtención doutras novas, etc. Os problemas cos que se atopa o floricultor son moi numerosos. En primeiro lugar, cómpre conseguir reunir nunha mesma variedade as características máis apreciadas que presentan variedades diversas, como o tamaño da flor, a variedade dos pétalos, ou a máxima conservación das flores xa cortadas. Tamén é conveniente dispoñer de variedades que permitan prover o mercado durante unha temporada longa, para isto son moi apreciadas as plantas que florecen gradualmente ou aquelas nas que é factible a indución artificial da floración. A causa das variacións climatolóxicas estacionais normais e o perigo de ventadas, pedrazo e xeadas imprevisibles, fai que cada vez se estenda máis o cultivo das variedades máis delicadas en invernadoiros, onde poden ser controladas as condicións ambientais, e é máis fácil a prevención e a loita contra as pragas, o regulamento automático do rego e a aplicación do fotoperíodo e das substancias hormonais reguladoras do desenvolvemento da floración. A existencia de mercados exteriores impulsou o desenvolvemento de tratamentos especiais e de métodos de transporte que permiten manter as plantas en condicións óptimas ata o punto de destino.