Florida
Estado dos EE UU, situado entre o Atlántico, ao L, e o golfo de México, ao O, e os estados de Georgia e Alabama, ao N (151.939 km2; 15.982.378 h [2000]). A capital é Tallahassee. Comprende a totalidade da península de Florida e mais un sector continental que forma parte da chaira aluvial do golfo de México. O clima é semitropical, máis suave ao N, e con chuvias de verán, acompañadas de tifóns. A vexetación dominante é o bosque, de caducifolias ao N e de especies tropicais ao S. A poboación concéntrase nas costas, especialmente na oriental. As principais aglomeracións son Miami, Tampa, San Petersburgo, Jacksonville e Port Lauderdale. A economía ten como ingreso principal o turismo, especialmente interior. A produción agrícola ocupa un lugar destacado no total dos EE UU. En canto á industria destacan a extracción de fosfatos e as industrias alimentaria, química, de confección e aeroespacial (Cabo Kennedy).