fluvial

fluvial

(< lat fluviāle)

  1. adx

    Relativo ou pertencente ao río ou aos ríos.

  2. adx [XEOG]

    Aplícase ao leito, á conca, á erosión, ao transporte, á sedimentación e ao ciclo mesmo dun río. O leito fluvial é o lugar por onde corre ou correu o caudal de auga do río, e ten unha forma e unhas dimensións variables: preto do nacemento do río ten forma de V, na parte media tena semicircular, e na final é máis amplo ca profundo. A forma xeral das concas fluviais é a dun V, con brazos que se abren de maneira progresiva debido aos impulsos da erosión fluvial. Cada conca consta de dúas vertentes sucadas por numerosas concas afluentes que se estenden dende a liña divisoria, entre concas contiguas, ata o leito fluvial. O conxunto de todas as concas fluviais determina a rede hidrográfica, que é moi dinámica e cambiante, especialmente mediante as capturas fluviais. A erosión fluvial depende do caudal do río, da litoloxía do terreo, do clima e da velocidade da auga; en menor proporción, interveñen tamén os materiais transportados polo río, e a erosión é particularmente intensa na cabeceira. O transporte fluvial, que predomina no curso medio, afecta aos materiais do fondo do leito e tamén aos que están en suspensión ou disoltos. A sedimentación fluvial está en equilibrio coa erosión e co transporte, e grazas a ela fórmanse as chairas aluviais, os deltas, etc.

Palabras veciñas

flutuación | flutuante | flutuar | fluvial | fluvio- | fluvioglaciar | fluviógrafo