foco

foco

(< lat focu ‘fogón’)

  1. s m

    Punto onde nace ou procede algo e desde o que se expande a diversos puntos.

    Ex: O foco desta luz está alí abaixo. O foco do incendio orixinouse na estrada.

  2. s m

    Punto que é centro de atención ou dunha actividade.

    Ex: O bebé converteuse no foco de atención de toda a familia. Desmantelaron un foco de tráfico de drogas.

  3. s m [TECNOL]
    1. Obxecto que contén unha ou máis lámpadas de gran potencia e que concentra moita intensidade de luz sobre un lugar concreto.

      Ex: Acenderon todos os focos do escenario.

    2. Aparello ou lámpada eléctrica a pilas da que parte un feixe de raios luminosos.

      Ex: Cómpre levar un foco se vamos de cámping.

      Sinónimos: lanterna.
  4. [FÍS]
    1. s m

      Punto onde converxen os raios dun feixe de radiacións.

    2. foco coherente

      Foco que emite raios coherentes de luz.

    3. foco imaxe

      Punto onde converxen os raios de luz que incidiron sobre o sistema de maneira paralela ao eixe óptico. Pode ser, igual ca o foco obxecto, real ou virtual segundo sexan os raios de luz os que realmente converxen ou as súas prolongacións.

    4. foco obxecto

      Punto onde converxen os raios de luz que, despois de atravesar o sistema, son paralelos ao eixe óptico. Pode ser, igual ca o foco imaxe, real ou virtual segundo sexan os raios de luz os que realmente converxen ou as súas prolongacións.

  5. s m [MAT]

    Punto que presenta unha distancia a calquera dos puntos dunha curva que se pode expresar como función racional das coordenadas do punto. Esta definición métrica de foco, que é unha xeneralización dos focos das cónicas, non se pode estender, sen embargo, a unha curva alxébrica calquera, e para conseguilo cómpre pasar á definición proxectiva de foco.

  6. s m [ESPECT]

    Aparato que consiste nunha carcasa metálica, redonda ou rectangular, na que se instala unha lente e un espello reflector, e que conta cunha abertura nun dos seus extremos, polo que sae a luz. Pódese modular mediante o uso de filtros de cor ou viseiras, que serven para recortala. Hai diversos tipos en función do tipo de luz que proxectan e dos usos escénicos que cumpren: panorámicos, de recorte, plano-convexos ou de seguimento.

  7. s m

    Parte do forno onde se pon o combustible.

  8. foco infeccioso [PAT]

    Localización, en calquera parte do organismo, onde se forman colonias de microbios de calquera tipo que determinan trastornos tóxicos a distancia e alteracións da temperatura.

  9. foco sísmico [XEOL]

    hipocentro.

Palabras veciñas

fociñudo -da | Focio | Foción | foco | foco -ca | focomelia | foculus*