Follas Novas
Obra da autoría de Rosalía de Castro publicada en 1880 e dividida en cinco seccións de desigual extensión: “Vaguedás”, “Do íntimo!”, “Varia”, “Da terra” e “As viúdas dos vivos e as viúdas dos mortos”. É un poemario de gran riqueza expresiva, cunha clara intención social e de variedade temática. A visión do mundo é radicalmente pesimista, aínda que hai algúns poemas na liña de Cantares Gallegos nos que desenvolve temas e formas propios da lírica popular, como a preferencia pola asonancia e o emprego do romance cuarteto e seguidilla. Galicia e a sociedade están contempladas dende a crítica social; Rosalía expresa o seu desacordo ante as inxustizas, rebélase e pide unha vinganza que manifesta a súa intención de protesta social que ten orixe na súa identificación solidaria cos que sofren e cos marxinados. Son continuos os ataques á Igrexa e á súa hipocrisía (“Brancas virxes de cándidos rostros”, “Decides que o matrimonio”, “Tembra un neno no húmido pórtico”, “De balde”), tema que se mestura co reflexo da dor existencial, coa presenza da morte e co paso do tempo. Ás veces transmite a imaxe dun deus compasivo (“Era no mes de maio”), pero tamén un deus distante e inxusto (“Por que, Dios piadoso?”). Expresa unha conciencia tráxica da vida que case desemboca no estoicismo, na resignación, na rebeldía e mesmo nunha reivindicación da vinganza e da violencia (“Ti onte, mañán eu”, “Adiante!”, “A xusticia pola man”). O conflito relixioso enmárcase no pesimismo existencial e na necesidade de lle atopar un sentido á vida, mesmo reflicte a idea do suicidio (“Soia!”) como saída ao sufrimento e á angustia existencial. A visión do amor en xeral é negativa, fortemente marcada polo seu pesimismo existencial e quizais polas vivencias persoais (“Bos amores”, “Amores cativos”) e o paso do tempo descríbese a través do símbolo da vellez (“Agora cabelos negros”). A emigración está contemplada dende a perspectiva feminina, as mulleres son víctimas inmediatas da ausencia do home como consecuencia da difícil situación económica que obriga os labregos a emigrar. Xunto á queixa e ao lamento, a autora denuncia a situación que achega tantas repercusións económicas, sociais e psicolóxicas e pona en boca das mulleres que falan das súas mágoas e soidades (“Tecín soia a miña tea”) e da súa falta de esperanza (“Non coidarei xa os rosales”). Esta unidade temática interrómpese puntualmente con algunhas composicións costumistas (“A probiña, que está xorda”) ou do xénero encomiástico-patriótico (“Na tomba do xeneral inglés Sir John Moore”). Formalmente, a autora combina a tradición romántica, reflectida na novidosa combinación métrica e na polimetría, coa tradición popular nuns versos de gran sinxeleza formal. O recurso estilístico que predomina é o símbolo, xunto ás repeticións de estruturas fónicas, métricas, morfolóxicas sintácticas e semánticas. Así mesmo, hai unha grande abundancia de interrogacións retóricas e exclamacións e do emprego da antítese.