Fonseca, colexio de
Construción situada en Santiago de Compostela. Fundouno o arcebispo Alonso III de Fonseca para acoller os centros de estudo que deron orixe á universidade compostelá. Comezou a funcionar en 1527 co nome de colexio de Santiago Alfeo. Trazárono Juan de Ávila e Alonso de Covarrubias. Ten planta cuadrangular cun patio central. Na fachada, obra de Covarrubias, destaca a portada formada por dous corpos e cun programa iconográfico que alude á sabedoría cristiá. O corpo baixo concíbese como un arco triunfal; enmarcadas entre columnas xónicas sitúanse as figuras de Santiago Alfeo e a Virxe. No corpo superior sitúanse as imaxes de san Pedro e san Paulo, enmarcadas entre columnas corintias, e as de santa Catarina e san Ildefonso, ás beiras da ventá, que remata nun frontón triangular. No friso que separa os dous corpos represéntanse os Doutores da Igrexa. Trala porta de acceso hai un vestíbulo cuberto cunha bóveda de crucería ao que se abre a antiga capela. O patio ten dous corpos. O inferior está formado por arcos de medio punto sostidos por piares prismáticos e o segundo, por arcos carpaneis sobre pilastras, entre os que se sitúa unha inscrición que alude á súa fundación. Foi sede do primeiro Parlamento galego e acolleu distintas dependencias universitarias ata que se converteu na sede da Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago de Compostela.