foro
(< lat foru)
-
s
m
[HIST/DER]
-
Contrato agrario de longa duración e eventualmente perpetuo polo que unha persoa ou institución cede a outra o uso ou proveito dunha cousa ou ben a cambio do cumprimento de diversas condicións previamente estipuladas. As súas orixes remóntanse o s XIII cando a expansión dos señoríos, no caso galego dos señoríos monásticos, imposibilitou a explotación directa das terras e os señoríos convertéronse en entidades arrendadoras. Densenvolveuse, entón, esta figura contractual, que tiña como antecedentes a enfiteuse romana, os feudos e as cartas de poboamento alto medievais e na que se establecía un dominio directo, o dos señoríos, un dominio útil, o dos arrendatarios, e unha relación de carácter enfitéutico entre ambos. Os foros medievais caracterizáronse, ademais, por ter un carácter perpetuo e unha renda proporcional á colleita, xeralmente un terzo dos froitos do labrado e no caso da viña a metade da produción. Durante a Idade Moderna desenvolvéronse as características propias do foro galego. Os contratos pasaron a ter un carácter temporal, establecido en tres voces ou xeracións, que desde o s XVII se converteron en tres reis ou raíñas, e as rendas fixéronse fixas e en especie. Producíronse, ademais, unha serie de transformacións sociais que deron lugar á aparición dun novo grupo social, a fidalguía, que fixo do foro e das rendas forais a súa forma de vida. As familias fidalgas convertéronse nas intermediarias entre os arrendadores e os arrendatarios. O fidalgo foreiro cobráballe ao campesiño, que tomara en subforo, unha renda superior á renda que el lle debía de pagar ao titular do dominio. Esta situación provocou o enfrontamento, ao longo do s XVIII, entre mosteiros e fidalguía. Os mosteiros, seguindo o exemplo do de San Salvador de Poio, buscaban a renovación dos foros a favor do campesiñado para aumentar así as súas rendas; mentres que os fidalgos desexaban unha renovación dos seus contratos que lles permitise dar continuidade á súa situación de privilexio. En 1763, o alcance das protestas deu lugar a unha resolución do Consello de Castela por provisión de Carlos III na que se suprimían as demandas de despoxos e se abría un expediente para estudar a situación dos foros. Non obstante , tratouse dunha verdadeira pragmática de perpetuación dos mesmos ao producirse un baleiro legal que lles deu aos foros un carácter atemporal e trasladou o dominio útil dos medianeiros ao campesiñado que traballaba a terra. No s XIX, a desamortización de Mendizábal e Espartero aumentaron o baleiro legal ao perpetuarse os foros das comunidades suprimidas. Ao mesmo tempo producíronse os primeiros ataques ao sistema foral, considerado polos liberais como o lastre que impedía modernizar a agricultura galega. En 1852 no Congreso Agrícola Galego, organizado pola Sociedad Económica de Santiago, presentouse un proxecto de lei de redención de foros, que posteriormente foi presentado nas Cortes en 1864, sen éxito, polo deputado X. P. Cuesta Núñez. A finais do s XIX, iniciouse o proceso de desaparición do réxime foral coa aprobación en 1873 por parte das Cortes da Primeira República da lei de redención de foros presentada por X. M. Paz Novoa, pero que foi suspendida un ano máis tarde. A principios do s XX o proceso acelerouse e produciuse a redención gradual dos foros mediante a indemización dos preceptores das rendas como consecuencia dos cambios socioeconómicos que se produciran. Por un lado, a introdución de Galicia nos mercados esixiu un nivel de produción agraria ao que as rendas forais non podían facer fronte; e por outro, a progresiva toma de conciencia por parte dos labregos da súa situación e a súa organización en sociedades como Solidaridad Gallega, Unión Campesiña, Acción Gallega e Directorio Antiforista de Teis, levaron primeiro ao impago das rendas forais e despois a sucesivas redencións sobre todo naqueles lugares máis conflitivos como A Peroxa, Pontedeume e Chantada. Tratábanse de contratos de carácter privado nos que se rompía o pacto a cambio dunha indemnización e que foron refrendados pola Lei de Redención de Foros de 1926. A redención de foros continuou durante a Segunda República e perviviu nalgúns casos ata 1973, ano proposto para a prescrición de calquera contrato foral.
-
Canon ou pensión que se pagaba en virtude do contrato de foro.
-
-
s
m
[HIST/DER]
Norma xurídica de orixe consuetudinaria ou por concesión soberana que recolle o dereito vixente nunha localidade ou territorio. Os foros foron normalmente escritos, pero algúns deles, como o de Zaragoza, non recolleu todo o dereito que comprendía. Os máis antigos, de carácter local ou municipal apareceron no s X, entre outros o de Castrojeriz (947), en relación co proceso de repoboación emprendido polos monarcas cristiáns. Desenvolvéronse no s XI e adquiriron a súa plenitude no s XII. Contiñan o dereito consuetudinario local e os privilexios e exencións da que gozaban os habitantes de determinadas poboacións. Podían seguir un modelo de foro preexistente ou adaptarse ás necesidades particulares da vila ou cidade á que se concedían. Deste xeito, o foro de León, outorgado por Afonso V (1017), concedeuse tamén a Villavicencio, Valle de Fernar e Pajares, entre outras poboacións e o foro de Cuenca, concedido por Afonso VIII, influiu nos de Béjar, Plasencia e Brihuega, entre outros. Despois dos foros locais, apareceron os territoriais, os máis antigos son con toda probabilidade lendarios. Malia que no s XII hai redaccións e recompilacións privadas de foros territoriais, foi non s XIII cando foron redactadas as coleccións básicas dos foros territoriais, como os de Castela, Navarra, Aragón e València. Estes foros territoriais non alcanzaron a plenitude ata os ss XIV e XV, cando as lexislacións de cortes e a redacción do dereito consuetudinario fixaron, dun modo definitivo, o dereito que contiñan. O Fuero Viejo de Castela, iniciado en época de Afonso VIII, redactouse durante o reinado de Pedro I o Cruel en 1356. No Reino de Galicia concedéronse, entre outros, os foros de Betanzos, A Coruña e Baiona, baseados no de Benavente, e outorgouse o foro de Sahagún a Allariz e Ribadavia, entre outras vilas. Ademais numerosas cidades e vilas do Camiño de Santiago, como a propia Compostela, recibiron foros nos que se incluían os dereitos dos peregrinos. Os territorios vascos mantiveron características xurídicas propias. Deste xeito, en Araba a lexislación territorial baseouse no Privilegio de Contrato caracterizado pola vinculación de dereito xeral respecto á coroa castelá e por manter os señoríos patruciais. Aínda que reducido polo Ordenamiento de Alcalá, os monarcas confirmárono dende Afonso XI ata Fernando VII (1814). O foro de San Sebastián aplicouse a diversas cidades durante os séculos XIII e XIV e no 1375 a Junta General de la Hermandad de Gipuzkoa, reunida por Enrique II, aprobou unhas ordenanzas baseadas na tradición oral de privilexios, usos e costumes, confirmadas polos Reis Católicos. O fuero de Bizkaia baseouse nas ordenanzas e foi confirmado por Xoán II (1452) e Isabel I (1483). En Navarra concedéronse, entre outros, o foro de Estella (1090) e o Fuero General de Navarra ao que se engadiron unhas modificacións en 1330 e 1348 coñecidas como Amejoramientos del Fuero General de Navarra. Na Coroa de Aragón, Sancho Ramírez concedeu o foro de Jaca (1064), confirmado polos monarcas posteriores, e Afonso o Batallador o de Calatayud (1131). No Código de Huesca (1247), Xaime I de Aragón fixou o dereito territorial aragonés e no reino de València, concedeu en 1240 o foro de Valéncia. Unha categoría especial era a dos foros que, aínda que eran de natureza coleccións de dereito xeral e foran promulgados como tal, eran outorgados a unhas localidades determinadas en concepto de dereito local. Este fenómeno produciuse sobre todo no s XIII e o caso máis típico foi o do Liber iudicorum visigodo que foi outorgado en versión-adaptación castelá a Córdoba, Sevilla e Cartagena. Un caso semellante foi o Fuero Real (1252-1255) obra de Afonso X o Sabio, que foi outorgado en particular, a Soria, Madrid, Béjar e Vitoria. Baseado no foro de Soria e no Liber iudicorum, a súa expansión non tivo máis vixencia que na coroa de Castela, aínda que se traduciu ao portugués. Dende un principio, os foros foron disposicións outorgadas de maneira unilateral polos soberanos, moitas veces a raíz da repoboación dos lugares a que se refiren, ou ben obra privada, dirixida a recoller o dereito consuetudinario dunha localidade ou dun territorio determinado. Probablemente o valor que tiña o foro como estatuto xurídico básico da repoboación se convertese no carácter pactado dos foros, polo que o rei ou o señor que o concedía non o podía modificar unilateralmente ou substituílo por outro, se non quería que se desfixese a obra de repoboación acadada. Unha excepción son os foros da Coroa de Aragón, pactados por definición. A unidade política acada polos Reis Católicos respectou a diversidade xurídica dos diversos reinos. Coa Guerra de Sucesión impúxose en Aragón, Catalunya, Mallorca e València a organización xudicial e administrativa de Castela mais tralos Decretos de Nueva Planta promulgados por Filipe V ao termo da contenda (1707), restableceuse en Aragón e respectáronse en Mallorca e Catalunya as súas peculiaridades xuríducas desaparecendo as de Valéncia. Non obstante , mantíveronse os réximes civís e políticos de Navarra e das provincias vascas. Co Código do Dereito Civil de 1889, as lexislacións especiais sometéronse a el de xeito que se fosen engadindo os diversos dereitos forais como apéndices do mesmo. Só se redactou en 1925 o dereito foral de Aragón. Coa Segunda República e as concesións de autonomía, viuse a necesidade dunha nova lexislación. O proceso truncouse coa Guerra Civil e co remate propúxose a elaboración de compilacións. Publicáronse as compilacións de Bizkaia e Araba (1959), Catalunya (1960), Illes Balears (1967) e Navarra (1947). A Constitución de 1978 entendeu os dereitos forais ou especiais como dereitos civís autonómicos de xeito que se acometeron revisións das compilacións e unha regulación especial que superou as antigas rexións forais. No caso de Galicia a Compilación de 1963 modificouse en 1987. Finalmente promulgouse como Lei do Parlamento de Galicia do 24 de maio de 1995 a Compilación do Dereito Civil Especial de Galicia.
-
s
m
[DER]
-
Dereito de someterse a unha xurisdición, sexa de carácter territorial por razón da radicación das persoas contendentes ou cousas reclamadas ou por razón do lugar do cumprimento da obrigación, ou ben por motivo da materia en litixio ou do corpo ou estamento ao que pertencen os contendentes ou un deles.
-
Xurisdición, que pode ser ordinaria (foro ordinario) ou especial (foro militar).
-
Autoridade da que depende un estamento ou á que lle corresponde tomar decisións.
-
-
s
m
[HIST/URBAN]
Centro das cidades romanas onde se situaba o mercado e a sede das actuacións públicas. Correspóndese coa ágora grega da que se diferenciaba pola forma rectangular. Segundo a súa función recibía, entre outros, os nomes de boario, por ser o lugar do comercio dos bois, argentario, polo comercio da prata, e piscario, polo comercio de peixe. Teoricamente, situábase case sempre no cruzamento das dúas vías principais, a cardo e a decumanus, aínda que ás veces era excéntrico. Nos campamentos militares tamén había un foro fronte ao praetorium ou tenda do xeneral. As escavacións arqueolóxicas amosan foros en diferentes cidades. En Roma a súa orixe data do s VII a C, cando estaba formado pola intersección da Vía Sacra (decumanus) e o vicus Tuscus (cardus), punto marcado polo templo redondo de Vesta, onde se conservaba o lume sagrado. Nun primeiro momento no foro situábase o mercado, pero durante a república converteuse nun centro político e cívico e, na época de César, nun centro monumental. No lado L do templo de Vesta, situábase a casa das vestais, da que se conservan restos dos tempos imperiais; ao SO estaba o templo do Cástor e Pólux, construído no s V a C. As tendas do N e do S (tabernae veteres e tabernae novae) foron substituídas a partir do s II a C por basílicas e pórticos. No N construíuse a basílica Emilia, que aínda se conserva; e no S a basílica Xulia, localizada entre o templo dos Dioscuros e o templo de Saturno. Nos tempos de Sila construíuse o tabalurarium ao L e o cadro quedou pechado. O espacio central estaba cheo de edificios relixiosos antigos, algúns deles mantíveronse no seu lugar orixinario durante toda a época romana, entre outros, o comitium ou área de reunión da plebe, que se converteu na curia, unha tumba arcaica de Rómulo e a tribuna do rostrum ou proas de naves, que despois se trasladou á beira O. Na época imperial engadíronse templos, como o de Xulio César, e arcos de triunfo, como o de Septimio Severo. Non obstante , os emperadores preferiron construír novos foros ao N: Augusto, construíu un foro de gran tamaño onde se atopaba o templo de Mars Ultor; Vespasiano construíu no seu foro un templo dedicado á paz; e Domiciano comezou a construción dun foro que rematou Nerva. O sentido da praza cambiou e converteuse nun recinto pechado, coa construción do foro de Traxano, obra de Apolodoro de Damasco, rodeado de peristilos con dúas exedras paralelas, unha basílica transversal, a columna traxana e o templo imperial sobre unha columnata semicircular. O foro vello quedou pechado, polo L, por unha basílica iniciada por Maxencio e rematada por Constantino. Ademais de Roma cómpre destacar os foros de Arles, en Provenza, e o de Silchester, en Inglaterra. Non obstante , conserváronse mellor os construídos en África e Oriente, como os de Timgad. Destacan tamén o foro de Pompeia e o de Todi, en Ostia. En España cómpre salientar os restos dos foros de Augustobriga (Talavera la Vieja), na Hispania Ulterior, e en Clunia (Coruña do Conde), na Hispania Citerior.
-
s
m
Dereito moral que se concede a determinadas actividades ou principios por dereito propio.
Ex: Ese manifesto defende os foros da arte.
-
s
m
Lugar onde actúan os tribunais de xustiza.
-
s
m
Conxunto de avogados, procuradores e outros funcionarios que actúan na administración de xustiza.
Sinónimos: curia. -
s
m
fórum.
-
s
m
[ESPEC]
Parte do escenario que está situada fronte á boca ou embocadura.
-
foro interno/ da conciencia/da alma
Xuízo da propia conciencia.