fotosfera

fotosfera

(< foto- + esfera)

s f [ASTRON]

Capa da superficie do Sol da que proveñen case todas as radiacións solares que chegan á Terra. Constitúe o disco visible do Sol, que é o disco luminoso que se pode observar en condicións normais. Ten unha profundidade duns 400 km. A temperatura nas rexións máis profundas é de 7.500°K, pero diminúe, ata que chega a un valor de 4.700°K nas rexións máis externas. As zonas máis profundas da fotosfera mestúranse cunha rexión dunha grande opacidade onde predominan os movementos de convección, que se denomina zona de convección. A superficie non perturbada da fotosfera ten unha estrutura granular; os elementos desta estrutura son uns polígonos ou celas de forma irregular que teñen unha largura de 300 a 1.500 km, separados entre eles por estreitas faixas de coloración máis escura. Moi a miúdo a superficie da fotosfera pertúrbase por procesos que se orixinan no interior do Sol e pódense observar formacións claramente máis escuras ca as das rexións que as envolven, denominadas manchas solares, que teñen un diámetro medio duns 50.000 km.