monarquía

monarquía

(< lat monarchĭa < grμοναρυχία)

  1. s f [HIST/POLÍT]

    Forma de goberno en que o poder é exercido real ou nominalmente por unha soa persoa, rei, monarca ou soberano, e que se caracteriza pola falta de representación da colectividade. Pode ser absoluta, cando o poder supremo se concentra na persoa do monarca, e limitada ou constitucional cando, ademais do monarca, existen outras institucións soberanas en réxime de paridade. Na Antigüidade, nos imperios como o exipcio, o persa, o macedonio ou os reinos helenísticos, predominou a forma de monarquía absoluta. O Imperio Romano gobernárono durante séculos monarcas absolutos. En xeral, as monarquías europeas medievais foron absolutas, pero cando chegou o Renacemento e se constituíron os grandes estados modernos europeos, acentuouse máis aínda o absolutismo dos reis. Porén, no s XIX impuxéronse as monarquías constitucionais ou limitadas en Europa. Tras a Primeira Guerra Mundial moitas daquelas formas de estado foron substituídas por repúblicas. As monarquías que quedan son case todas constitucionais ou parlamentarias, aínda que hai monarquías absolutas en determinadas zonas do mundo. A forma de goberno establecida en España é a monarquía parlamentaria. O xefe de estado é o rei, ou máis xenericamente, a coroa, que ten tres características fundamentais: é un órgano constitucional (sometido á Constitución de 1978), hereditario (nos sucesores de Xoán Carlos I) e o cargo de rei é vitalicio (ata a súa morte). Na práctica o rei non goberna, non toma decisións políticas, senón que ten unha función simbólica e de arbitraxe. Limítase a representar a unidade do estado, coordinar os outros órganos para facilitar o funcionamento normal da constitución e representar o estado español nas relacións internacionais.

  2. s f

    Estado que está rexido por un rei.

  3. s f

    Época e tempo en que dura este réxime político nun país.

    Sinónimos: reinado.