Monfero, Santa María de
Mosteiro situado en Monfero. Ten a súa orixe nun cenobio cisterciense do s XII que recibiu o apoio do conde de Traba e de Afonso VII. Renovouse completamente no s XVII en estilo barroco. A igrexa, de orixe románica, é dunha soa nave con planta de cruz latina. Na intersección entre a nave principal e a do cruceiro sitúase unha cúpula-ciborio octogonal con ventás no tambor e bóveda de canón casetonada. Os muros laterais da nave están decorados con columnas que sosteñen unha cornixa que percorre a igrexa. A cabeceira está formada pola capela maior rectangular, enmarcada por dous capelas rectangulares. Está percorrida por un deambulatorio. Tras o altar maior atópanse unha sancristía e unha capela, onde celebraban misa os sacerdotes que non pertencían ao mosteiro. Cóbrese cunha bóveda de comezos do s XVIII. No brazo norte do cruceiro destaca o retablo pétreo da Virxe da Cela (1666). No interior do templo destacan os sepulcros de Nuno Freire de Andrade o Mao, de estilo gótico, o do seu fillo Pedro Fernández de Andrade, o de Fernán Pérez de Andrade e o de Diego de Andrade. A fachada da igrexa é barroca e nela combináronse os perpiaños de granito con pezas de lousa, creando unha decoración de axedrezado, nun conxunto enmarcado por catro columnas e dúas pilastras con capiteis corintios elevadas ata a cornixa, sobre a que se eleva unha das dúas torre-campanario proxectadas. A zona monacal reconstruíuse no s XVII, nela destacan tres claustros: o primeiro claustro renacentista, que amosa aínda algún vestixio da construción primitiva; o iniciado por Juan de Herrera no s XVI pero rematado en 1773 e en que destaca a fonte barroca do patio; e un terceiro claustro que non se rematou por estar realizándose durante a invasión napoleónica. O resto das dependencias atópanse derruídas. Foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en 1931 e en 1999 protexeuse o seu contorno.