Babilonia

Babilonia

Antiga cidade de Mesopotamia (actual Iraq), que deu nome á parte sur do país, da que foi capital a partir do s XVIII a C. Situada na ribeira oriental do Éufrates, uns 80 km ao sur da actual Bagdad e 6 ao norte de Hilleh, na actualidade non é máis que un montón de ruínas escavadas. A forma grecorromana do seu nome deriva do topónimo acadio Bab-ili (de aquí a Babel bíblica), tradución do termo sumerio Ká.dingir.ra (porta de deus). A diferenza das grandes cidades sumerias, como Ur, Uruk ou Lagaš, Babilonia raramente aparece nas fontes mesopotámicas entre o 2700 e o 1894 a C, proba evidente de que entón era unha poboación de importancia menor. Babilonia non comezou a ter importancia ata a I dinastía de Babilonia (1894-1595 a C), que a converteu na súa capital; a partir de entón a historia de Babilonia-cidade e a de Babilonia-país confúndense. Foi saqueada, entre outros, polo hitita Muršiliš I (1595 a C), o elamita Tukulti-Ninurta I (1234 a C), o elamita Kutir-Na ḥḥ unte (1157 a C) e os asirios Teglatfalassar I (1081? a C) e Sennaquerib (689 a C), que a arrasou. Coa dinastía neobabilónica ou caldea (626-538 a C) recuperou, mesmo aumentou, o seu esplendor. Durante a época do Imperio Persa Aqueménida (539-331 a C) Babilonia foi sede da satrapía homónima, sendo novamente saqueada por Xerxes I (479 a C). Alexandre o Grande e os seleúcidas restaurárona (331-140 a C). Non obstante , desde o comezo do período parto ou arsácida (140 a C-224 d C) a morte de Babilonia quedou definitivamente selada. A partir do s XII, foi identificada por numerosos viaxeiros: o rabí Benjamín de Tudela (s XII), Pietro della Valle (1616), Niebuhr (1764), Keppel (1824), etc. As primeiras escavacións foron obra da misión arqueolóxica francesa de F. Fresnel (1852-1855), se ben as definitivas realizounas Robert Koldewey (1899-1914) por conta da Deutsche Orientgesellschaft. Da cidade anterior ao período neobabilónico non quedou practicamente nada a causa dos continuos saqueos que sufriu; deste período, en cambio, hai abundantes edificacións, que permiten acadar unha idea do que foi a Babilonia de Nabucodonosor II, o seu máximo restaurador. As defensas da cidade, integradas por dous muros separados 7,20 m un doutro, teñen 16,5 km de perímetro e nove portas (proba inequívoca da grande extensión de Babilonia), postas baixo a advocación dunha divindade (Marduk, Sin, Šamaš, Štar, etc). Entre os edificios civís destacan o gran pazo de Nabucodonosor II (duns 61.000 m2), con cinco grandes patios e multitude de habitacións. Preto del, segundo algúns estudiosos, atoparíanse os famosos xardíns colgantes de Babilonia. Dos edificios relixiosos, moi numerosos, os máis importantes son o Templo de Istar (1400 m2 de superficie) próximo á famosa porta do mesmo nome (hoxe no museo de Berlín); o cigurat chamado É.temen.an.ki (templo do fundamento do ceo e da terra), duns 5.000 m2 de base, orixinalmente semella que tiña sete pisos (destruído por Sennaquerib, reconstruíuse en época caldea) e, sobre todo, o famoso É.sag.ila (templo do Alto Xefe), santuario do deus Marduk, principal deidade de Babilonia, comprendía un edificio principal (6.800 m2 de superficie), onde estaban situadas as capelas de Marduk e da súa muller Sarpanit, e outro secundario (duns 10.000 m2). Destruída por Sennaquerib e reconstruída por Asarhaddon, Nabopalassar e Nabucodonosor III, foi novamente saqueada e destruída por Xerxes I.

Palabras veciñas

Babilonia | Babilonia | Babilonia | Babilonia | Babilonia | Babilonia | Babilonia do Exipto