Babilonia

Babilonia

Antigo país de Oriente Medio que abarcaba a metade sur de Mesopotamia (actual Iraq). Non existe unha correspondencia plena entre as vertentes xeográfica e histórica do termo. Moito tempo antes de que esta cidade tivese un papel importante, esta rexión foi centro de diversas culturas prehistóricas e, xa na fase histórica, do país de Sumer e de Acad. O termo Babilonia resulta excesivo cando se aplica ao longuísimo período anterior á I dinastía de Babilonia, que se corresponde á Prehistoria e á Protohistoria, ao período sumerio antigo (2700?-2347? a C), dominado por Sumer, á dinastía de Acad (2371-2191 a C), ao período guti (2240-2120 a C) e á III dinastía de Ur (2113-2006 a C), do país de Sumer. A partir do 2000 a C a rexión experimentou unha desfeita causada pola invasión amorita, unha das súas consecuencias foi a desaparición, lenta pero progresiva, dos sumerios, engulidos polo mundo semítico. Así mesmo, a unificación conseguida pola III dinastía de Ur deu paso a unha fragmentación do territorio, gobernado por múltiples cidades estado (Larsa, Isin, Eshnunna, etc), situación que presenta un paralelismo claro co existente no período sumerio antigo e no período guti. Entre estas cidades estado atopábase a de Babilonia na que se estableceu a dinastía amorita ou I dinastía de Babilonia (1894-1595 a C). Fundada por Sumuabum (1894-1881 a C) contou con once soberanos; Hammurabi (1792-1750 a C) unificou o país, a partir de entón nomeado apropiadamente Babilonia. Esta posición hexemónica foi mantida polo seu fillo Samsuiluna (1794-1712 a C), aínda que tivo que loitar, primeiro, contra unha coalición de cidades estado (entre elas, Uruk, Isin e Larsa), a quen derrotou; despois contra Rim-Sin de Larsa, vencido en Kish (1736 a C), e, finalmente, contra Iluma-ilum, fundador da dinastía do País do Mar, que quedou invito. A partir do reinado de Abieshu (1711-1684 a C) e dos seus sucesores, Ammiditana (1683-47 a C) e Ammi ṣ aduqa (1646-26 a C), a dinastía I de Babilonia perdeu progresivamente parte do país. A expedición do hitita Muršiliš I contra a cidade de Babilonia na época de Samsuditana (1625-1595 a C) puxo fin á dinastía e deu lugar ao chamado período casita. Orixinarios dos Zagros (ó leste de Mesopotamia), os casitas non tiveron un papel moi relevante, eran semellantes en moitos aspectos aos guti, cos que compartiron a condición de ser montañeses incultos e depredadores das riquezas da chaira. Mentres os guti permaneceron cento vinte anos en Mesopotamia, os casitas estiveron case seis séculos. A súa presenza en territorio babilónico aparece documentada nos reinados de Samsuiluna (1741 a C) e de Abiesu (1709 a C), época na que, segundo algúns, se formou a dinastía casita. Fundada por Gandash ou Gaddash (1801-1716? a C), comprendeu seis ou sete soberanos máis ata a expedición de Muršiliš I contra Babilonia. A partir de entón (1595 a C), pódese falar dunha dinastía casita, señora de toda Babilonia. Pero hai que esperar á chamada época de el-Amarna (s XIV a C) para dispoñer dalgunha información sobre a dinastía. Kadašman-Enlil I (1380? a C), que casou dúas donas da súa familia con Amenofis III, gobernou neste período (1375?-1235 a C), considerado o máis florecente dos casitas, aínda que os asirios comezaron a intervir nos asuntos babilónicos. Burnaburiaš II (1375?-1347 a C), o seu sucesor, é coñecido pola correspondencia que tivo con Akhenaton, quen casou cunha das súas fillas. El, ou probablemente o seu fillo Karakhardaš (1347? a C) casou pola súa banda cunha filla de Ašur-uballit I de Asiria, vasalo de Babilonia, cando menos nominalmente, así ao comezar o seu reinado, puido intervir no sur. O seu fillo Kadasman-Kharbe II (1346? a C) morreu asasinado, seguramente, porque era filoasirio. Os casitas entronizaron entón a Nazibugaš ou Suzigaš (1346? a C), pero Ašur-uballit I, vendo ameazados os seus intereses, marchou contra Babilonia e proclamou Rei ao seu bisneto Kurigalzu II o Novo (1345-1324 a C). O monarca non foi un títere para os asirios, como proban os seus enfrontamentos con Enlil-nirari, con resultados incertos. Combateu tamén con Elam e derrotou o seu rei Khurpatila. Sucedeuno Nazimaruttaš (1323-1298 a C), antiasirio coma el, quen loitou con Arik-den-ili; mobilizando contra Asiria ás poboacións montañesas do leste de Mesopotamia enfrontouse directamente a Adad-nīrāri e derrotouno en Kar-Ištar. O seu sucesor Kadašman-Turgu (1297-80 a C), cambiou a política de alianzas de Babilonia ao substituír a tradicional amizade con Exipto por un pacto co rei hitita Khattušiliš III. Esta orientación alterouse de novo na época de Kadašman-Enlil II (1279-1265 a C), o seu Visir Itti-Marduk-bala ṭ u, temeroso dos asirios, afastouse dos hititas. Despois de dous reinados moi grises, chegou ao trono de Khaštilias IV (1242-1235 a C). Movido polo seu desexo de frear os asirios, combateu contra Tukulti-Ninurta I. O resultado foi o destronamento de Khaštilias IV e o saqueo da cidade de Babilonia. Durante sete anos (1234-1228 a C) o país foi rexido por gobernadores asirios, situación que se deu de novo na época sargónida (s VII a C). A pobreza das fontes no período comprendido entre 1228 e 1218 a C é a causa dunha serie de hipóteses contraditorias. En 1218 a C os casitas subleváronse e entronizaron a Adad-šuma-u ṣ ur (1218-1189 a C). O novo soberano foi derrotado polo asirio Enlil-kudurri-u ṣ ur. No reinado de Zababa-šuma-idinna (1160 a C) comezaron os saqueos do elamita Šutruk-Nahhunte no norte de Babilonia. As loitas remataron co triunfo dos elamitas, o saqueo da cidade de Babilonia e a caída da III dinastía. Non obstante , os elamitas non volveron ou non puideron permanecer en Babilonia, polo que o baleiro de poder foi cuberto pola II dinastía de Isin ou V de Babilonia (1156-1025). Fundada por Marduk-Kabit-ahhešu (1156-1139 a C), comprendeu dez reis máis, dos que o máis importante foi Nabucodonosor I (1124-1103). A súa fama provén da vitoria que acadou sobre Khuteluš-In-Šušinak, feito que afastou os elamitas durante moito tempo, e tamén das súas construcións, especialmente as dedicadas ao deus Marduk. O seu irmán Marduk-nadin-ahle (1098-1081 a C) intentou derrotar os asirios. Victorioso nun primeiro momento (1090 ou 1089 a C), foi derrotado despois (1081? a C) por Teglatfalassar I, quen saqueou a cidade de Babilonia. Máis preocupante era a presión dos nómades arameos de Siria, que querían establecerse na rica chaira mesopotámica. Esta foi, seguramente, a razón do pacto entre o seu sucesor, Marduk-šapik-zeri (1080-1068 a C) e o monarca asirio Ašur-bel-kala. Durante os reinados dos catro últimos soberanos a dinastía foi esmorecendo. Coa súa desaparición, Babilonia entrou nunha etapa de decadencia política total fronte a Asiria, que se prolongou ata a dinastía neobabilónica ou caldea (s VII). Nestes catrocentos anos, ben a través das dinastías autóctonas, mediatizadas por Asiria, ben como provincia súa, Babilonia loitou constantemente pola independencia. A II dinastía do Mar ou VI de Babilonia (1024-1004 a C), con tres reis, deu paso a de Bit-Bazi ou VII de Babilonia (1003-975 a C), con catro soberanos, e esta á VIII de Babilonia (977-732 a C), fundada por Nabu-mukin-apli. Nesta época os arameos instaláronse definitivamente en Babilonia. As consecuencias da invasión aramea foron importantes: a poboación foi profundamente afectada e o acadio, na súa versión babilónica, pasou tamén por un proceso de arameización. Con todo a VIII dinastía conseguiu ser respectada polos arameos. Foi menos afortunada respecto a Asiria, que interveu repetidamente nos asuntos do sur: derrota dos reis babilónicos Šamašmudammiq e Nabu-šum-ukin en mans de Adadnīrāri II (908-889 a C); campaña de Šamši-Adad V (823-810 a C) contra Marduk-bala ṭ suiqbi, etc. A súa extinción despois de case dous séculos e medio deu paso a mal chamada IX dinastía de Babilonia (731-627 a C), na que cohabitaron reis babilónicos e asirios, sobre todo os segundos, mentres que os primeiros fixeron o papel de rebeldes. A conquista do país iniciouna Teglatfalassar III (745-727 a C), quen adoptou o nome de Pulu como soberano de Babilonia. A desaparición do seu fillo Salmanassar V (727-722) favoreceu o ascenso ao trono de Marduk-apla-idinna (721-710 a C), o Merodak bíblico, xefe arameo de Bit-Yakini. Sargon II (721-705 a C), restableceu o dominio asirio (710 a C) pero a situación volveuse sumamente complicada na época de Sennaquerib (704-681 a C), quen interveu ata catro veces contra os arameos, axudados por Elam. Irritado, optou finalmente, por arrasar Babilonia e anegouna (689 a C). Assarhaddon (680-669 a C) reconstruíu a cidade, pero os babilónicos continuaron a loitar pola súa independencia. A crise máis importante tivo lugar no reinado de Assurbanipal (668-629 a C), cando o seu irmán Šamaš-šum-ukin, rei de Babilonia baixo a súa autoridade, se rebelou e organizou unha nova coalición (Babilonia, Elam, Siria, Exipto, etc). Assurbanipal conseguiu tomar Babilonia (648 a C) e colocou no trono o último rei da dinastía, Kandalanu, que para algúns sería el mesmo. Non obstante , Asiria estaba a piques de desaparecer en mans dos arameos. O xefe arameo Nabopolassar tomou no 626 a C o poder en Babilonia e instaurou a dinastía neobabilónica ou caldea (626-538 a C), coñecida tanto polo gran poder que acadou (abrangueu Mesopotamia, Siria-Palestina e parte da Arabia) como polas numerosas construcións que levou a cabo en todo o país. Ademais de Nabopolassar (626-605 a C), a dinastía incluíu cinco monarcas, dos que os de maior importancia foron Nabucodonosor II (605-562 a C), conquistador de Xerusalén (598 e 586 a C), e Nabónido (556-539 a C), que incorporou parte da Arabia (al- Ḥ i ǧ az) e as súas posesións; sen embargo, non puido resistir os persas aqueménidas de Ciro II, quen se apoderou de Mesopotamia (538 a C). A partir dese momento ata o ano 331 a C, Babilonia foi unha satrapía persa. Logo da conquista do Imperio Persa Aqueménida por Alexandre o Grande pasou a mans dos gregos, permanecendo despois en poder dos seus sucesores (331-140 a C). Babilonia, rematou estando en poder dos arsácidas entre o 140 a C e o 224 d C e, entre o 224 d C e o 637 d C, dos sasánidas e dos bizantinos. No ano 637 d C o país foi conquistado polos árabes en nome do Islam.