Bachiller e Maestro en Artes de Salamanca

Bachiller e Maestro en Artes de Salamanca

Poeta da escola galego-castelá que, a xulgar pola súa relación con Alfonso Álvarez de Villasandino e a transmisión dos seus textos no Cancionero de Baena, desenvolveu a súa actividade poética entre a segunda metade do s XIV e a primeira do s XV. Baixo o seu nome (que nas rúbricas aparece identificado como “bachiller [e] maestro en artes de Salamanca”) recóllense no mencionado cancioneiro seis composicións pertencentes ao xénero da pregunta dirixidas a Villasandino. Cinco deses poemas están en castelán, mentres que noutro emprega aínda a antiga lingua poética da Península. Este texto “Sennor Alfonso Alvarez, que Deus vos mantenna”, copiado nos folios 32v-33r da compilación baenense, desenvolve, como é habitual na súa produción caractrerizada pola temática moral e doutrinal, o tema do ubi sunt, centrado na procura da franqueza ausente nos reinos peninsulares: “Dizede-me, sennor, hu se foi franqueza, / que ja non paresçe nos renos de Espanna”. Desde o punto de vista formal, a pregunta está formada por tres estrofas e unha finda nas que se emprega o esquema rimático abbaacca, predominante no seu reducido cancioneiro e respectado por Villasandino na correspondente resposta (“Amigo, sennor, Franqueza desdenna”) na que, como tamén era preceptivo, se retoman os sons en rima empregados polo bacharel: -enna, -ado, -eito [estrofa I]; -eza, -anna, -edo [estrofa II]; -ados, -ente, -ar [estrofa III]; -an, -ados [finda].

Palabras veciñas

bacharelato | Bachelard, Gaston | Bacher, Robert Fox | Bachiller e Maestro en Artes de Salamanca | Bachmann, Ingeborg | Bacho-Kiro | Bachofen, Johann Jakob