bacharelato
(< bacharel)
-
s
m
Estudios de ensino secundario ou medio que facultan o alumno para poder seguir estudios universitarios ou estudios profesionais cualificados.
-
s
m
Grao de bacharel.
-
s
m
[HIST/EDUC]
A palabra bacharelato empezou a utilizarse en España a finais do s XVIII, como derivación do título de bacharelato que se concedía na Idade Media ao finalizar a determinantía, ou primeira etapa do ensino universitario. Para poder ingresar nos estudios de bacharelato era preciso acreditar que se recibira instrución en humanidades. Estes estudios tiñan unha duración de seis anos que, unha vez rematados, podían dar acceso a cátedras de universidade. A reforma do marqués de Pidal en 1845 estableceu a separación entre os estudios universitarios e o bacharelato, que se cursou dende entón nos Institutos de Ensino Medio. A partir de 1901 o bacharelato estaba formado por seis cursos que remataban cos correspondentes exercicios de grao (Letras e Ciencias). En 1924 instituíuse a diferenciación entre Institutos Nacionais, de orzamento estatal, e Institutos Elementais, subvencionados polos concellos. En 1926 implantouse un novo sistema que distinguía dous bacharelatos: o elemental e o universitario, pero xa no 1930 volveuse ao bacharelato de seis cursos: nos tres primeiros cursos estudiábanse as mesmas materias, no 4º curso engadíase un segundo idioma moderno e no 5º, filosofía e grego. En 1938 os seis cursos tradicionais do bacharelato convertéronse en sete introducíndose o estudo do latín en todos eles e suprimíndose a división entre Ciencias e Letras. Unha vez superados os sete cursos os alumnos debían presentarse ao chamado exame de estado, realizado na universidade. A Lei de 1953 sobre a ordenación do ensino medio, feita baixo o mandato de Joaquín Ruiz Jiménez, dividiu o bacharelato en dous graos: o elemental e o superior. O bacharelato elemental constaba de catro cursos (de 10 a 14 anos) que, unha vez superados, os alumnos debían pasar un exame de reválida. O superior constaba de dous cursos (de 14 a 16 anos) onde se cursaban materias comúns e outras específicas de ciencias e letras (sen ser posible simultanear ambas especialidades); este grao tamén finalizaba cun exame de reválida polo que se obtiña, unha vez superado, o título de Bacharel Superior. En 1957 ditáronse novas normas no relativo a materias e horarios de clases. A partir de 1965 a reválida transformouse en opcional para os que querían cursar preuniversitario. En 1970, as Cortes aprobaron o proxecto da Lei Xeral de Educación de 1970, de reforma do ensino polo que o antigo bacharelato elemental desapareceu como tal e quedou englobado na Educación Xeral Básica (EXB) facendo extensiva así a obrigatoriedade do ensino ata os 14 anos. O novo bacharelato, Bacharelato Unificado e Polivalente (BUP), xurdido con esta lei, estendíase dos 14 aos 17 anos e quedaba estruturado en tres cursos, o último deles iniciaba un proceso de especialización que se prolongaba no COU (opción A: letras; opción B: ciencias; opción C: mixtas), con materias obrigatorias e outras optativas; ensinanzas e actividades técnico-profesionais obrigatorias, sendo opcionais as posibles especialidades; e supresión do curso preuniversitario, substituído por un Curso de Orientación Universitaria (COU). Ademais, estableceuse a obrigatoriedade de que o curso tivese 220 días lectivos, declarouse o sábado festivo e reformouse o baremo de cualificacións: as antigas denominacións (suspenso, aprobado, notable e sobresaliente) substituíronse polas de moi deficiente, deficiente, suficiente, bo, notable e sobresaliente. Ademais os alumnos que non acadasen o mínimo esixible en todas ou en parte das materias que integraban cada curso, podían someterse ás probas de suficiencia que, unha vez superadas, facultaban para pasar ao curso seguinte. O BUP recibía o nome de unificado porque o título de Bacharel non facía distinción entre Ciencias, Letras e Técnico senón que todos os alumnos recibían o mesmo título fose cal fose a súa opción; e era polivalente porque pretendía incluír unha actividade técnico-profesional. Este nivel educativo tiña como finalidade intensificar a formación humana e científica dos alumnos para preparalos cara ao acceso aos estudios superiores ou á FP de 2º grao e á vida activa no seo da sociedade. A el accedíase co título de Graduado Escolar, co título de Técnico Auxiliar (FP 1º), validando algunhas materias de 1º e 2º, e co título de Bacharel Elemental. Os alumnos que non concluían estes estudios nun período de seis anos, non podían continuar nos centros docentes, pero si seguir eses estudios polo Réxime de Ensino Libre. En 3º de BUP os alumnos debían escoller materias optativas que estaban directamente relacionadas coa opción de COU que se pretendía seguir e, consecuentemente, coa futura carreira universitara ou coas opcións dos ciclos formativos de FP que se desexaban cursar. Unha vez aprobado o 3º curso de BUP obtíñase o título de Bacharel. As principais saídas que ofrecía o BUP eran: a) acceder ao curso de COU; b) acceder á FP de 2º grao; e c) incorporarse ao mundo do traballo, sen cualificación específica como aprendiz. A Lei orgánica 1/1990 do 3 de outubro de ordenación xeral do sistema educativo (LOXSE) reestruturou todo o sistema educativo español e derrogou a anterior LXE do 1970. Con esta nova reorganización o bacharelato, ensino postobrigatorio, redúcese a dous cursos académicos e ten como finalidade a formación xeral dos alumnos así como a súa orientación e preparación para estudios superiores, tanto universitarios como ciclos formativos específicos, e para a súa incorporación á vida activa. Para acceder ao novo bacharelato é necesario estar en posesión do título de Graduado en Educación Secundaria. Os profesores que ensinen bacharelato deben posuír o título de licenciado. Os alumnos do novo bacharelato poden escoller entre catro modalidades diferentes: Ciencias da Natureza e da Saúde, Humanidades e Ciencias Sociais, Tecnoloxía e Artes. As materias que se cursan ao longo do bacharelato son de tres tipos: a) materias comúns en todas as modalidades que contribúen á formación xeral do alumno; b) materias propias en cada unha das modalidades. As administracións educativas organizarán as modalidades distribuíndo as materias correpondentes a cada unha delas nos dous cursos que o compoñen. Os alumnos deberán cursar seis materias optativas da modalidade escollida, no conxunto dos dous cursos, que serán fixadas polas administracións educativas e tamén o número delas que os alumnos deben superar en cada un dos cursos do bacharelato. Nesta fixación as administracións poderán tamén ter en conta as propostas realizadas polos centros educativos; c) materias optativas en cada unha das modalidades (no 1º curso escóllese 1 optativa; no 2º curso 2 optativas). As materias propias e as optativas proporcionan unha formación máis especializada, preparando e orientando o alumno cara a estudios posteriores ou cara á actividade profesional. O currículo das materias optativas poden incluír unha fase de formación práctica fóra do centro. As distintas modalidades de bacharelato terán que atender á tripla finalidade formativa, orientadora e preparatoria en relación cos correspondentes ámbitos do saber, a cultura e a profesionalización, que definen cada modalidade. A súa finalidade orientadora ten que contribuír a perfilar e desenvolver proxectos formativos nos alumnos que se concretarán en posteriores estudios e na vida activa. A súa finalidade preparatoria (propedéutica) debe asegurar as bases para os estudios superiores, tanto universitarios como de ciclos formativos de grao superior. O Bacharelato deberá contribuír a desenvolver as seguintes capacidades: a) dominar a lingua castelán e a lingua oficial das CCAA (en Galicia, o galego); b) expresarse con fluidez e corrección nunha lingua estranxeira; c) analizar e valorar criticamente as realidades do mundo contemporáneo e os antecedentes e factores que inflúen nel; d) comprender os elementos fundamentais da investigación e do método científico; e) consolidar unha madurez persoal, social e moral que lles permita actuar de forma responsable e autónoma; f) participar de forma solidaria no desenvolvemento e mellora da sociedade; g) dominar nos coñecementos científicos e tecnolóxicos fundamentais e as habilidades básicas propias da modalidade escollida; h) desenvolver a sensibilidade artística e literaria como fonte de formación e enriquecemento cultural; i) utilizar a educación física e os deportes para favorecer o desenvolvemento persoal. O bacharelato tamén se caracteriza pola diversidade, que se concreta principalmente nas diferentes modalidades e nas materias optativas que o compoñen, que permiten establecer diferentes itinerarios formativos. Tales itinerarios facilitarán o acceso a estudios superiores e a transición á vida activa. O título de Bacharel faculta para acceder aos ciclos formativos de grao superior ou aos estudios universitarios, previa superación dunha proba de acceso.
-
Bacharelato Internacional
[EDUC]
Modalidade de ensino secundario, promovida dende 1945 en Xenebra e auspiciada pola UNESCO, que pretende establecer un programa común de estudios a nivel internacional e proporcionar un título de admisión común á universidade.
-
Bacharelato Laboral
[EDUC]
Estudios de ensino medio laboral que formaban bachareis nos graos elemental e superior. Tiñan como obxectivo, segundo a Lei do 16 de xullo de 1949, preparar os alumnos para o seu ingreso nos centros especiais técnicos. Para acceder a estes estudios, o alumno debía ter cumpridos os 10 anos e superar un exame de ingreso. Os estudios de bacharelato laboral estruturábanse en dous ciclos: o elemental, con materias comúns e materias especiais para cada modalidade, duraba cinco anos e diferenciaba os seus obxectivos escolares segundo se tratase de alumnado feminino ou masculino; e o superior, ó que se accedía despois de ter superado o elemental e un exame de reválida, cunha duración de dous cursos tamén con materias comúns e específicas para cada modalidade; ao rematalo debíase superar un exame de reválida. As modalidades de bacharelato superior eran: agrícola-gandeira, industrial, marítimo-pesqueira e administrativa (feminina). Esta modalidade de bacharelato foi extinguida en 1978.