balada
(< provenzal ballada)
-
s
f
[LIT/MÚS]
Xénero poético-musical. O seu nome deriva do latín tardío ballare ‘bailar’ e dentro del englóbanse, polo tanto, aqueles textos que estaban compostos para ser bailados; deste étimo procede tamén balar que en provenzal significa ‘bailar’. Na súa orixe pertencía á denominada “canción de danza”, como o virelai e o rondeau en Francia ou a dansa en Catalunya e Provenza. A balada, igual que outros xéneros afíns, constaba de refranh (retrouso) inicial, cantado polo coro de bailaríns, e estrofas -xeralmente tres- interpretadas polo solista, que conducía a danza; despois de cada estrofa todo o retrouso era repetido polo coro. O contido era lírico, profano ou relixioso, pero non faltaban as baladas dramáticas e narrativas. Aínda que o xénero non foi obxecto de ningunha teorización nas poéticas que codificaron a poesía do Midi francés, a súa existencia vén confirmada polas rúbricas dos manuscritos e polos propios textos, xa que a palabra balada (coa mesma forma en provenzal, ballade en francés e ballata en italiano) aparece con certa frecuencia nas composicións. A poesía trobadoresca fixo dela un xénero culto caracterizado polas súas peculiaridades métricas e, particularmente, por ofrecer un esquema no que un ou máis versos do refrán se insiren no interior da estrofa. A estrutura máis sinxela da balada occitana é aquela na que o primeiro verso do refranh inicial (tamén chamado respós) -que se repite tamén en posición postestrófica anunciando esta nova introdución do retrouso por un verso de volta- reaparece despois do primeiro verso da cobra. O esquema máis habitual é AA bAba AA; amosando paralelismos notables co do virelai e rondeau, ou coa dansa. O rondeau, empregado por vez primeira no Roman de Guillaume de Dole e redactado por Jean Renart no primeiro cuarto do s XIII, presentaba na súa forma orixinal a estrutura AB aAab AB, onde o primeiro verso do refrán volve aparecer na segunda posición da estrofa. Esta estrutura da balada, caracterizada pola inserción de versos do refrán no corpo da cobra, ofrecía esquemas máis complexos e alambicados nos que a repetición dos versos do retrouso podía darse noutras posicións ou, mesmo, o refranh podía conter un maior número de versos e, polo tanto, era posible repetir no corpo da estrofa máis dun verso do refrán. Nun corpus caracterizado polo anonimato, Cerveri de Girona, que desenvolveu a súa actividade na segunda metade do s XIII (aproximadamente, entre 1259 e 1285), foi o único trobador provenzal de nome coñecido que compuxo baladas; das sete baladas provenzais conservadas, dúas delas atribúense a Cerveri e o resto son anónimas. Para algúns investigadores, puido ser o responsable de que os esquemas nos que se intercalaban versos do refranh nas estrofas fosen coñecidos tamén na lírica galego-portuguesa. Neste sentido, vén sendo considerada como decisiva a visita realizada por este trobador á Corte de Afonso X en 1269; nesta ocasión acompañaba o infante de Aragón, don Pedro, que se ía entrevistar co Rei de Castela e León para discutir a cruzada a Terra Santa que preparaba Xaime I. Agora ben, tamén sería posible defender a hipótese contraria: podería pensarse que, precisamente, durante a súa estadía na Corte do Rei Sabio, o trobador de Girona aprendese esta técnica compositiva, xa que no círculo dese monarca foi producida a maior parte dos exemplos que se conservan na lírica galego-portuguesa; quizais neste contexto podería ter sido introducida por Roi Gomez de Briteiros ao coñecela en Francia no segundo terzo do s XIII, onde acudira acompañando a Afonso III o Boloñés. Para un total de cinco Cantigas de Santa Maria (“A Virgen, Madre de Nostro Senhor”, “Quantos me creveren loarán”, “Quen alg~ua cousa quiser pedir, Santa Maria, valed’, ai Sennor” e “De todo mal pod’a Virgen / a quena ama sãar”) botouse man deste procedemento que tamén, en relación co uso do refrán intercalar, deixou a súa pegada na produción dalgúns trobadores vinculados todos eles á Corte do Rei Sabio, agás Roi Gomez de Briteiros. O esquema aAab AB é o máis empregado: Roi Paez de Ribela (“Meu senhor, se vus aprouguer”), Roi Gomez de Briteiros (“Johan Fernandiz quer [ir] guerreyar”) e Pero da Ponte (“Poys me tanto mal fazedes” e “Senhor do corpo delgado”) foron algúns dos poetas que o utilizaron. O último dos trobadores mencionados, na composición “Dade-m’alvíssara, Pedr’Agudo”, e Estevan Reimondo, en “Anda mui triste o meu amigo”, utilizaron un esquema máis complexo, A 1 bA 2 b A 1 A 2 , no que se mesturan co corpo da estrofa os dous versos que integran o retrouso. Na literatura italiana a balada (ballata) desenvolveuse ata o s XIII, converténdose nunha das formas preferidas polo stilnovismo con versos hendecasílabos e heptasílabos con retrouso. Pero foi na literatura oitánica onde máis fortuna acadou este tipo de composicións englobadas nos xéneros da ballete e a ballade, modalidade esta última que tivo un enorme cultivo a partir da segunda metade do s XIII e que, ata inicios do s XVI, momento do seu declive, deixou un bo número de mostras na produción de poetas como Guillaume de Machaut, Eustache Deschamps ou François Villon. Nese momento desenvolvéronse catro esquemas básicos de baladas, con variacións: a balada primitiva, a pequena balada, a gran balada e o canto real. Todas estas formas poéticas deixaron de cultivarse no s XVI por influencia dos poetas da Pléiade e renaceron no XIX con V. Hugo (Odes et Ballades), A. de Musset (Ballade à la lune), T. de Banville (Trente-Six Ballades joyeuses), etc. Na poética británica denomínase balada o poema épico-narrativo que recolle temas históricos e procedentes de lendas de transmisión oral. Durante o Romanticismo adquiriu un gran desenvolvemento grazas ás contribucións de Wordsworth e Coleridge. En Alemaña a balada tivo unha evolución particular. Como xénero popular existía dende a Idade Media e, a partir do XVI, renóvase tematicamente, deixando a un lado os contidos épicos e dando entrada a sucesos recentes, guerras, crimes e catástrofes que se interpretaban nas prazas públicas. A partir do s XVIII a balada viviu un novo renacemento grazas ao interese polas fontes populares e, pouco a pouco, foise transformando nun tipo de composición poético-narrativa de ton popular e contido lendario ou histórico, ben de procedencia tradicional ou histórica, ben de creación erudita, aínda que inspirada na vida popular. Atópanse modelos en Gottfried August Burger (a súa Leonora, de 1733, constitúe o modelo destas composicións), Goethe, Schiller, L. Uhland, H. Heine, Herder, W. Scott, Wordsworth, Coleridge, Uhland e outros autores ingleses e alemáns que perfeccionaron este novo xénero que se convertiría en típico do Romanticismo, ata acabar reducido a poemas de ton moralizante. Nos países nórdicos o xénero evolucionou baixo a forma dos folkeviser, que alternan os versos das estrofas, narrativos ou dramáticos, cun refrán lírico. A partir do s XV foron postas por escrito e no XIX recollidas por folcloristas e clasificadas tematicamente en históricas, cabaleirescas, lendarias, novelescas, cómicas, etc. A aparición da balada, na súa modalidade culta, nos países xermánicos incide no seu nacemento en España, onde non había tradición deste tipo de poemas, se cadra porque os romances cubrían xa os mesmos aspectos temáticos: relatos heroicos, lendas, etc. Entre os cultivadores da balada figuran J. Zorrilla, V. Ruiz Aguilera, J. M. Gabriel Galán, entre outros. O termo balada reaparece nalgúns poetas modernistas como F. Villaespesa e J. R. Jiménez e en poetas posteriores como Lorca, Alberti ou Celaya.
-
s
f
[MÚS]
-
Composición vogal sobre textos de baladas con acompañamento instrumental. De carácter lírico ou épico, esta forma musical, aparecida a finais do s XVIII, non ten nada en común coa balada medieval. Schubert converteu a balada nun xénero independente dentro do lied. Outros autores de baladas foron Schumann, Brahms, Mendelsshon e Plüddemann.
-
Composición instrumental de forma indeterminada escrita normalmente para piano. O carácter desta forma inspirada máis ou menos directamente en textos poéticos é esencialmente narrativo e lendario. Chopin, Brahms, Grieg, Liszt, Vieux-temps, Prokofiev, Fauré e outros escribiron baladas para diferentes instrumentos.
-