Balboa

Balboa
  1. [ONOM]

    ariante gráfica do apelido Valboa, de orixe toponímica. O topónimo Valboa ou Balboa, moi frecuente por toda Galicia en nomes de parroquias ou lugares, formouse a partir do nome común val (procedente do latín valle) máis o adxectivo boa (derivado do latín bona), que presenta xénero feminino, concordando co xénero etimolóxico latino. Este apelido documéntase xa no s XV: “Diego de Valboa” (doc ano 1417 en J. I. Fernández de Viana y Vieites Colección diplomática del monasterio de Santa María de Ferreira de Pantón, 1994, p 158), “Fernan Rodriguez de Valvoa” (doc ano 1420 en Emilio Duro Peña “El monasterio de Santa Marina de Asadur” Archivos Leoneses 54, 1973, p 344), “Diego de Balboa” (doc ano 1454, en Xosé Ferro Couselo A vida e a fala dos devanceiros II. Escolma de documentos en galego dos séculos XIII ao XVI, 1967, p 65). Outra variante deste apelido é Valbón forma na que o adxectivo concorda co xénero masculino romance do substantivo. Así, aínda que a forma etimolóxica debería ser con v, moitos apelidos como este aparecen grafados con b-.

  2. [HIST/HERÁLD]

    Liñaxe que asentou a súa casa primitiva no antigo castelo de Balboa, preto de Villafranca del Bierzo. Logo estableceron outras casas en Sarria, Cambados, Cacabelos, Calvos, Fión, San Martiño de Manzaneda e Boborás, partido do Carballiño; fóra de Galicia en León, Murcia, Jaén, Valladolid, Palencia, Madrid e Canarias; espallándose polo resto da Península. Entroncaron con outras ilustres familias galegas como a dos condes de Torre Novaes. As súas armas traen, en campo de goles, un león de ouro que leva na súa pata destra unha espada de prata, e vencido aos seus pés, un  dragón ou serpe alada de sinople. Noutros escudos aparece un león de goles (ou de púrpura), en campo de prata, afogándose en ondas de azul e prata. Outra variante leva, en campo de prata, un león rampante de goles, loitando cunha serpe alada ou dragón da súa cor natural, no flanco destro, e un cabaleiro armado, no sinistro, espetando unha espada de prata nas fauces da mesma serpe. Algunha variante representa, en campo de prata, un guerreiro armado, cun escudo embrazado, cargado dunha cruz de prata e esgrimindo, na súa man destra, unha espada do mesmo metal coa que atravesa un león de goles, ameazante e enfrontado cun dragón ao natural, tamén dereito, e ao que chega a punta da espada. Para os Balboa galegos aínda se reseña outra variante que leva, en campo de prata, un barco de sable co valame e a bandeira brancas, sobre ondas de azul e prata.