Kremer, Dieter
(Waldbröl 1942) Filólogo alemán. Doutorado en Filoloxía Románica e Xermánica na Universidade de Colonia (1967), é catedrático de Lingüística Portuguesa e Románica na Universidade de Tréveris. Colaborou en Colonia e Lisboa con Joseph M. Piel (Hispano-gotisches Namenbuch, 1976), foi lector de alemán na Universidade de Lisboa (1968-1974), asistente na Universidade de Bonn (1974-1976), profesor de lingüística románica (1976-1994, e desde este ano na Universidade de Tréveris). É autor de numerosas publicacións científicas, especialmente relacionadas coas materias da onomástica, lexicografía e galego e portugués. Dirixe o Glossar der altromanischen Berufs- und Standesbezeichnungen (panrománico) e o proxecto europeo Ditionnaire historique de l’anthroponymie romane (PatRom). Foi o organizador de diversos congresos e responsable das actas correspondentes, como o XVIII Congreso Internacional de Lingüística e Filoloxía Románicas (1986), o XVIII International Congress of Onomastic Sciences (1993), o I e II Coloquio internacional sobre Tradición, actualidade e futuro do galego (1980, 1993), o V Congreso internacional de Estudios Galegos (1997) e coorganizou o VI Congreso internacional de Estudios Galegos (La Habana, 2000). Ademais, é o fundador e director do Centro de Documentación de Galicia, o responsable do lectorado de lingua e cultura galegas na Universidade de Tréveris e edita a revista Galicien-Magazin. Membro do Comité Científico de Verba, foi Presidente da Asociación Internacional de Estudios Galegos (1997-2000) e da Sociedade Galego-Alemana (Deutsch-Galicische Gesellschaft, 1993-2001), fundada por el. Membro correspondente da Academia Portuguesa da História (1992) e da Real Academia Galega (2002), recibiu a Medalla Castelao (1996).