buxo

buxo

(< lat buxu)

  1. s m [PLANTA]

    Arbusto monoico do xénero Buxus, de follas perennes, coriáceas e opostas, flores sen corola dispostas en acios axilares e froito nunha cápsula con tres cornos. En Europa está representado por dúas especies: B. sempervirens e B. balearica. A primeira presenta bractéolas afiadas e flores masculinas dispostas directamente sobre a póla, pode acadar ata 5 m de altura e atópase en ambientes abertos e algo secos, principalmente en solos calcarios do sudoeste e centro de Europa. En Galicia non é común de xeito espontáneo pero cultívase como ornamental, especialmente para a formación de sebes. En xardinería emprégase con frecuencia a forma cultivar B. sempervirens cv marginata. A segunda presenta bractéolas romas e flores masculinas pedunculadas, pode acadar ata 15 m de altura e atópase en solos frescos nas serras costeiras do Mediterráneo peninsular, nas Illes Balears e na illa de Sardeña. O buxo, polo seu contido en alcaloides esteroídicos, resulta tóxico para o home. A súa madeira, dura e de cor laranxa, emprégase para a fabricación de vasos, pratos, fusos e gaitas.

    Sinónimos: boxe. Confrontacións: arraián, mirta, mirto.
  2. s m

    Madeira deste arbusto.

    Sinónimos: buxe.
  3. s

    Termo das xergas dos canteiros, dos albaneis e dos telleiros que corresponde ás voces ‘amo e mestre’.

  4. Termo da xerga dos canteiros que corresponde ao termo ‘mestre de escola’.

Frases feitas

  • Forte coma un buxo/San coma un buxo. Ser moi forte ou ter moi boa saúde. Ex: O seu avó ten noventa anos e nunca estivo enfermo, está san coma un buxo.

Palabras veciñas

buxía | Buxía | buxo | buxo | Buxo | Buxtehude, Dietrich | Buxus