Cara a

Cara a
[LIT]

Novela publicada por Camilo González Suárez-Llanos, baixo o pseudónimo de Camilo Gonsar en 1980. Na súa primeira edición constou de catro capítulos, aos que posteriormente se engadiu un novo, “Un epílogo desde fóra”, publicado en Grial. Ambientada na década de 1960, narra o percorrido nocturno de dous personaxes, o Belga e o narrador, camiñantes erráticos polas rúas de Londres, sen que se expliciten as razóns nin os obxectivos que perseguen. Algúns críticos considérana a fin da Nova Narrativa Galega, movemento renovador da prosa galega, que incorporaba as novas técnicas introducidas por J. Joyce, Faulkner e os integrantes do nouveau roman. Os seus personaxes concíbense como abstraccións que simbolizan a busca incansable do home, que bate coa consciencia do baleiro e do absurdo vital. O tema da viaxe iniciática vincúlaa con Arredor de si, de R. Otero Pedrayo, pero se en Arredor de si, Adrián Solovio tentaba atopar unha saída intelectual válida que recoñecese as esencias culturais da súa terra, a procura do narrador de Gonsar está abocada ao fracaso, como reflexo dunha época caracterizada polo nihilismo, a desesperanza e a consciencia do absurdo. Varios aspectos da súa obra coinciden co postulado pola Nova Narrativa; así, co recurso do manuscrito atopado prodúcese un distanciamento da historia, presentado no comezo da novela, cando se afirma que o que segue procede dun manuscrito redactado nun inglés defectuoso. Esta distancia increméntase cando o narrador se converte nun simple transmisor da historia do Belga, e a través do carácter dubitativo do narrador con respecto á súa historia, que o leva a cuestionar continuamente as súas afirmacións; a localización do relato nun espazo e nun tempo fantasmagóricos, que provoca unha sensación de irrealidade propia da literatura fantástica; e a apelación a unha memoria fragmentaria dos feitos, que provoca unha sensación de estrañeza e de indefinición. Nesta liña, o propio texto novelesco cuestiónase a si mesmo, dubidando sobre o seu sentido e sobre a súa función. Estes recursos, unidos ao feito de engadirlle á obra un “Epílogo dende fóra”, negan calquera posibilidade de verosimilitude no relato e conducen á reflexión sobre os límites entre a ficción e a realidade. Outro dos trazos que achegan a novela á Nova Narrativa é o continuo camiñar dos personaxes, que expresa a inadaptación do home no mundo moderno e a imposibilidade de vivir cos outros. Cómpre sinalar a condición de estranxeiría dos personaxes, que non pertencen ao lugar polo que se moven e que posúen unha identidade nacional desdebuxada. A súa condición simboliza a perda no home moderno dos seus signos de identidade, dominado pola vivencia da nada e do absurdo, que representa a crise do suxeito no s XX. O home enténdese como un obxecto máis, que polo tanto non precisa de definición, senón simplemente de descrición. Finalmente, o autor introduce o humor e a ironía como contrapunto da traxedia.

Palabras veciñas

car | cara | cara | Cara a | carabao | carabel | Carabel