demanda

demanda

(< demandar)

  1. Acción de demandar.

    Ex: A demanda de emprego diminuíu en Galicia nos últimos meses.

    Sinónimos: petición, solicitude.
  2. [DER]
    1. Acción procesual mediante a que se realiza a petición dun dereito ante un xuíz ou tribunal de xustiza. A través da demanda, o autor solicita do órgano xurisdicional unha determinada tutela xurídica. Tamén determina o obxecto do proceso e o contido da sentencia, de modo que o xuíz deberá dar resposta a esa solicitude nos termos nos que se concrete a demanda e a contestación no seu caso.

    2. Petición que unha das partes mantén nun xuízo. Tamén inclúe as distintas peticións que durante a substanciación do procedemento xudicial poden formular as partes, de forma que se orixine un incidente que o desvíe do seu curso ordinario.

    3. Escrito que recolle esa petición. No escrito de demanda constará o órgano xurisdicional a quen vai dirixido, os nomes e os apelidos do demandante e do demandado, os feitos nos que se basea, os antecedentes do feito do caso e os fundamentos de dereito que xustifiquen a petición.

  3. f [ECON]

    Cantidade de produtos ou servicios que un comprador está disposto a adquirir en función dunha serie de variables, como o prezo dos produtos, a renda do consumidor ou a especulación. Denomínase demanda efectiva a cantidade de produtos que corresponden ao poder de compra dos demandantes, e demanda potencial a correspondente ao desexo pero non ao poder, ou á inversa. A curva de demanda relaciona os prezos dunha unidade de produto coas cantidades que o consumidor desexa mercar, nun período de tempo determinado. A gráfica resultante é unha liña descendente de esquerda a dereita, consecuencia da lei fundamental da demanda, segundo a que as cantidades demandadas dun produto varían en sentido inverso ao prezo das mesmas. Para que a lei se cumpra é necesaria a constancia nos gustos do consumidor, a invariabilidade nos seus ingresos e no prezo do produto.

  4. Acción de buscar ou conseguir algo.

    Ex: Os cabaleiros artúricos emprenderon a demanda do Santo Graal. 

    Confrontacións: busca, procura, busca.
  5. f [LIT]

    Composición poética medieval que consiste en propor unha cuestión sobre un tema calquera. A resposta é a propia composición, ou ben outra, obra do propio autor da demanda, ou doutro.

  6. [ECOL]

    DBO.

  7. [ECOL]

    DQO.

Frases feitas

  • En demanda de. En busca de. Ex: Se vén en demanda de cartos non llos deas.