dispositio*

dispositio*
s m [LIT]

Segunda das cinco partes que integran a retórica clásica; segue á inventio e precede á elocutio, memoria e pronuntiatio. Regula a ordenación e distribución dos asuntos atopados polo orador na inventio, parte coa que a dispositio mantén un vínculo tal que as dúas operacións poden considerarse simultáneas ou mesmo, nalgunhas teorizacións, como na Rhetorica ad Herennium, o tratamento da dispositio está xa presente na inventio. A teoría retórica da dispositio pode aplicárselle ao conxunto ou a fragmentos concretos da obra literaria, particularmente á de carácter narrativo. Permite organizar o discurso en dúas partes, polo xeral, antitéticas ou complementarias dentro do conxunto no que se integran. Pero o máis común é distribuír o texto nunha serie de partes que, aínda que poidan variar en número nas diferentes concepcións, poden reconducirse a catro, cada unha delas con posibles subdivisións e con distinto grao de relevancia segundo o tipo de discurso. Se as seccións extremas teñen como fin primordial conmover o auditorio, as centrais desenvolven unha esencial función informativa. O exordium (ou proemium) abre o discurso e ten por obxecto atraer a atención (attentum parare) do receptor para evitar así o taedium e buscar a súa benevolencia na causa presentada (captatio benevolentiae), así como enunciar o tema que se vai tratar de forma clara e concisa para que poida ser comprendido sen dificultade polo destinatario. A narratio é a segunda parte do discurso. Nesta sección informativa, os feitos que constitúen a causa deben expoñerse de forma verosímil, clara e breve -sen que a brevidade sexa un obstáculo para a súa compresión- a fin de que, deste xeito, o receptor teña coñecemento dos mesmos. O seguinte apartado é a argumentatio, bloque demostrativo que consiste en expoñer as probas (probationes) que sosteñen a tese defendida e que axudan a destruír as da parte contraria. Esta parte central é decisiva na articulación do discurso e mantén unha forte relación coa inventio, pois sérvese dos argumenta subministrados por aquela. A dispositio establece neste apartado distintas posibilidades na disposición dos contidos e recomenda, ben comezar polos argumentos máis débiles e rematar cos máis fortes (orde crecente), ben seguir o proceso inverso (orde decrecente), ou ben colocar os argumentos máis intensos ao principio e ao final da exposición, deixando os menos consistentes no medio (orde homérica). Na parte final do discurso, peroratio, tamén chamada epilogus ou conclusio, resúmense ordenadamente os asuntos máis relevantes (recapitulatio) para actuar psicoloxicamente sobre o público, buscando de novo a súa benevolencia. Esta sección presenta funcións análogas ás do exordio, pero acentuándoas, xa que constituía a última oportunidade da que dispoñía o orador para garantir a comprensión do discurso e influír sobre os ánimos do auditorio. Por outro lado, en función das esixencias da causa defendida ou de necesidades expresivas, a dispositio establecía dúas posibilidades para organizar a estrutura do discurso en xeral e da narratio en particular. A chamada ordo naturalis consiste en seguir a organización normal das partes do discurso (exordio, narración, argumentación e conclusión) ou, se o seu ámbito de aplicación é a narratio, en presentar os feitos seguindo a orde temporal lóxica. Pola contra, a ordo artificialis permite construír o texto alterando a sucesión normal das partes ofrecida pola ordo naturalis ou, aplicada á narratio, seguir unha disposición temporal dos acontecementos diferente da orde lóxica, por exemplo, comezando a narración ao longo do seu desenvolvemento (in medias res) ou partindo do final (in extremas res).

Palabras veciñas

dispor | disposición | disposición | dispositio* | dispositivo -va | disposto -ta | dispraxia